Comeza a XXXV MIT de Ribadavia

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia comeza hoxe oficialmente a súa trixésimo quinta edición, despois de que onte comezase oficiosamente co obradoiro visual de Irene Cantero na igrexa da Madalena e coa compañía de teatro afeccionado da vila Teatro do Vilar, que, pola noite, inaugurou as funcións no Auditorio do Castelo coa obra Aspirina para dous.

A inauguración oficial terá lugar ás 20:00, na Igrexa da Madalena, nun acto no que está anunciada a presenza do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

A partir de hoxe poderán verse na vila do Ribeiro un total de 24 espectáculos de cinco nacionalidades distintas. Ademais, poderase participar nun programa de actividades paralelas que inclúe obradoiros, coloquios con artistas, mesas de debate e presentacións.

Hoxe ás 21:00, na Praza Maior, poderase ver Oyun, da compañía valenciana El Fedito. E ás 23:00, no Auditorio do Castelo, os arxentinos Lucianno Rosso e Nicolás Poggi presentarán Un poyo rojo, un espectáculo que obtivo unha grande acollida no Off do Festival de Avignon.

Entre os espectáculos máis esperados desta edición está a estrea da nova produción de Chévere, Curva España, Amarillo, dos mexicanos Teatro Línea de Sombra, ou Jauría, o espectáculo de Kamikaze realizado a partir das transcricións do xuízo realizado a “La Manada”.

O circo terá un protagonismo destacado nesta edición con espectáculos como Orquestra de malabares, de Pistacatro; Oh!Limpiadas, de Sincronacidas –obra galardoada co Premio ao Mellor Espectáculo de Rúa en FETEN 2019–, ou o espectáculo da Compañía de Circo “eia” inTarsi, Mellor Espectáculo Revelación nos Premios Max 2017, unha obra que aborda o tema das novas masculinidades, outro dos eixos temáticos do programa deste ano.

A 35ª edición da MIT, ademais, renderá unha homenaxe a Ernesto Chao que, xunto coa celebración do 50º aniversario de Abrente, terá lugar o sábado 27 ás 20:00 no Salón de Actos da Casa do Concello.

Máis información e programa completo da 35ª MIT de Ribadavia, aquí.

Deixar unha resposta