in ,

Teatro documento, novo circo e construción da identidade na 35ª Mostra de Ribadavia

VoadoraHemosVenidoADarloTodo2 |
Chévere estrea o seu novo espectáculo, Curva España, e Federico Pérez, Santi Romay, e Evaristo Calvo presentan o seu novo proxecto escénico, Acumaser Opus, que estrea un espectáculo baseado en textos de Pinter e Beckett. | Foto: Rosinha Rojo |

 

A Mostra celebra o seu 35º aniversario cunha declaración de principios: “as dinámicas do teatro non levan data de caducidade, as leis do teatro non son as do mercado, o teatro non é industria. Ribadavia é contexto fértil, laboratorio, demostración de mudanzas que producen vento a favor para a creación escénica e para o público, dende a liberdade e a independencia de criterios e xestión”. O programa pretende garantir “o dereito de todas as franxas sociais á arte escénica de alta cualidade”.

Entre o máis destacado, cóntase coa estrea absoluta do novo espectáculo de Chévere, Curva España, “unha alegoría sobre España que se serve dun relato local transmitido oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín, para confrontar a realidade coa ficción, a historia coa lenda”. Curva España, coproducido pola Mostra, poderá verse o día 25 no Auditorio do Castelo.

Federico Pérez, Santi Romay e Evaristo Calvo presentarán tamén o seu novo proxecto escénico, Acusmaser Opus, que tamén estrea en Ribadavia. O espectáculo, baseado en textos de Harold Pinter e Samuel Beckett,  Nun cuarto da rotonda. A última cinta de Krapp + O montacargas, poderá verse o domingo 21, na Igrexa da Madalena, ás 20:30. Ao día seguinte, haberá un debate na mesma igrexa, ás 21:00, sobre “A escenificación de Beckett e Pinter”.

O venres 26, Iria Pinheiro levará á Mostra a súa Anatomía dunha serea, unha peza de teatro documental construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. Unha obra que fala das condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico e de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos.

Tamén haberá lugar para o novo circo: o martes 23, Pistacatro levará ao Auditorio do Castelo, coa axuda da Banda La Lira de Ribadavia, Orquestra de malabares, un proxecto de circo e malabares que versa sobre as aventuras que lles acontecen a dúas compañías de artistas (malabaristas e músicos) ao chegar ao momento de actuación perante o público. Ademais, a compañía Sincronacidas levará ás rúas de Ribadavia Oh!Limpiadas, obra galardoada co Premio ao Mellor Espectáculo de Rúa en FETEN 2019.

Ademais, a Compañía de Circo “eia” presenta inTarsi, Mellor Espectáculo Revelación nos Premios Max 2017, un espectáculo que aborda o tema das novas masculinidades.

A clausura do festival, o día 27 de xullo, tamén estará a cargo dunha compañía de noso: un espectáculo festivo de Voadora, compañía que acompañou en varias coproducións a este festival nos últimos anos. Hemos venido a darlo todo, unha obra que xorde dun obradoiro impartido pola compañía no que reflexionaban sobre como conxugar a individualidade e a pertenza a unha masa, as modas, as correntes, os egos e a necesidade de ser únicos dende a creación. Na Igrexa da Madalena na madrugada do sábado 27 ao domingo 28.

Será despois de Jauría, estrea en Galicia do espectáculo protagonizado pola actriz María Hervás que conta cunha dramaturxia a partir das transcricións do xuízo realizado a “La Manada”, construído con fragmentos das declaracións de acusados e denunciante publicadas en varios medios de comunicación. Unha ficción documental a partir dun material real que nos permite viaxar dentro da mente da vítima e do vitimarios.

A MIT presenta outros espectáculos premiados e recoñecidos como A.K.A. (Also Known As), de Flyhard, un dos fenómenos desta tempada no Estado, que chega de Barcelona con dous Premios Max, catro Premios Butaca e tres Premios Teatro Barcelona. Peza íntima que se presenta na Igrexa da Madalena, e que se mete na pel dun mozo magrebí, adoptado de neno por uns cataláns, a quen todo se lle vén enriba cando a que tiña que ser a súa primeira noite de amor se complica.

Ribadavia tamén quere seguir sendo o porto de chegada do teatro internacional máis relevante. A inauguración, precisamente, correrá a cargo da compañía arxentina Un poyo Rojo, que presenta un espectáculo creado por Lucianno Rosso e Nicolás Poggi e que tivo unha gran acollida no Off do Festival de Avignon.

Teatro Línea de Sombra, de México, preséntanos unha peza, Amarillo, que reflexiona sobre un tema de actualidade: as migracións e os conflitos na fronteira entre os EEUU e México. Peza que explora as nocións de identidade cultural, as relacións entre o real e o virtual, entre o documental e o ficticio.

Entre os espectáculos internacionais destaca tamén Transfiguration, de Olivier de Sagazan (mércores 24, ás 23:00), artista nacido no Congo e residente en Francia, que leva anos investigando na hibridación de  linguaxes. Considerado como un referente da arte macabra, as súas insólitas creacións e a súa metodoloxía foron recollidas no documental Samsara (2011), de Ron Fricke.

Dentro das actividades paralelas destaca a homenaxe a Ernesto Chao que, xunto coa celebración do 50º aniversario de Abrente, terá lugar o sábado 27 ás 20:00 no Salón de Actos da Casa do Concello. Ademais, haberá dous cursos enfocados cara ao Teatro Documento, organizados en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia e impartidos pola mexicana Alícia Laguna, de Teatro Línea de Sombra, e por Marían Bañobre e Santiago Cortegoso, de Ibuprofeno Teatro. E a erregueté | Revista Galega de Teatro estará presente cunha presentación do seu número 97 e un coloquio arredor do tema central do número: censura na creación.

A venda de entradas da MIT estará dispoñible a partir do día 1 de xullo na oficina do Festival (Praza Maior, s/n) ou na web www.ataquilla.com Ata o 1 de xullo, poderán reservarse os Abonos para todos os espectáculos do Castelo, na Casa da Cultura de Ribadavia ou ben no teléfono 988471900 ou no correo [email protected]

 

PROGRAMA

 

Xoves 18 

20:00 – Igrexa da Madalena – Residencia Paraíso – Irene Cantero – Madrid.

23.00 – OFF con Teatro do Vilar, Aspirina para dous. Apoio da MIT ao teatro de base, teatro afeccionado de Ribadavia.  – Auditorio do Castelo.

 

Venres 19 

16:00 – 18:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso “Teatro documento” con Alicia Laguna- Teatro Línea de Sombra (México)

20:00 – Igrexa da Madalena – Inauguración oficial da MIT 2019.

21:00 – Praza Maior (Ruadavia) – Oyun – El Fedito – Comunidade Valenciana.

23:00h – Auditorio do Castelo – Un poyo rojo– Un poyo rojo – Arxentina.

Foros MIT: coloquio posfunción

 

Sábado 20

10:00 – 14:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso “Teatro documento” con Alicia Laguna- Teatro Línea de Sombra (México)

20:00 – Praza Maior (Ruadavia) – Brimborions – Picto Facto – Francia.

23:00 – Auditorio do Castelo – inTarsi – Compañía de Circo “eia” – Cataluña.

1:00 – Praza Maior (Ruadavia) – Brimborions – Pico Facto – Francia.

 

Domingo 21

10:00- 14:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso “Teatro documento” con Alicia Laguna- Teatro Línea de Sombra – México.

20:30 – Igrexa da Madalena – Nun cuarto da rotonda. A última cinta de Krapp + O montacargas – Acusmaser Opus – Galicia.

23:00 – Auditorio do Castelo – Amarillo– Teatro Línea de sombra – México.

Foros MIT: coloquio posfunción.


Publicidade

 

Luns 22

10:00- 14:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso “Teatro documento” con Marían Bañobre e Santiago Cortegoso – Ibuprofeno Teatro.

20:00 – Santo André (Programa SputMIT – satélites da MIT) – Dona Barriga Verde – Larraitz Producións Artísticas – Galicia.

21:00 – Igrexa da Madalena – Debate. Nun cuarto da rotonda: a escenificación de Beckett e Pinter – Acusmaser – Galicia.

23:00 – Auditorio do Castelo – Los bancos regalan sandwicheras y chorizos – José y sus hermanas – Cataluña.

Foros MIT: coloquio posfunción. 

 

Martes 23 

10:00- 14:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso “Teatro documento” con Marían Bañobre e Santiago Cortegoso – Ibuprofeno Teatro.

12:00 – Resolución do 13º Premio Abrente – Salón de actos do Concello de Ribadavia (Praza Maior). Lectura da Acta e Presentación do libro O día no que bicar a terra, de Avelina Pérez, Premio Abrente 2018.

20:00 – San Cristovo (Programa SputMIT – satélites da MIT) – Dona Barriga Verde – Larraitz Producións Artísticas – Galicia.

23:00 – Auditorio do Castelo – Orquestra de malabares – Pistacatro e Banda La Lira de Ribadavia – Galicia.

1:00 – Acto de entrega dos Premios Abrente e de Honra da MIT 2019.

 

Mércores 24 

110:00- 14:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso “Teatro documento” con Marían Bañobre e Santiago Cortegoso – Ibuprofeno Teatro.

20:00 – Igrexa da Madalena – A.K.A. (Also Known As) – Flyhard – Cataluña.

21:30 – Praza Maior (Ruadavia) – Mulïer – Maduixa Teatre – Comunidad Valenciana.

23:00 – Auditorio do Castelo – Transfiguration – Olivier de Sagazan – Francia.

Foros MIT: coloquio posfunción

 

Xoves  25

20:00 – Alameda (Ruadavia) – Gaudeamus – La Chana – Castela e León.

21:30 – Foros MIT: Presentación do número 97 da Revista Galega de Teatro. Coloquio arredor do tema central do número: censura na creación.

23:00 – Auditorio do Castelo – Curva España – Chévere en coprodución coa MIT, Teatros del Canal e Concello de Teo – Galicia.

Foros MIT: coloquio posfunción

 

Venres 26 

12:00 – Foros MIT. Mesa de traballo: “O terceiro sector nas Artes Escénicas”.

20:30 – Francelos (Programa SputMIT – satélites da MIT) – Oh!Limpiadas – Cia. Sincronacidas – Galicia.

23:00 – Anatomía dunha serea – Iria Pinheiro / A Berberecheira de Chévere – Galicia.

Foros MIT: coloquio posfunción

 

Sábado 27

20:00 – Salón de Actos da Casa do Concello – Acto de celebración do 50 aniversario de Abrente e Homenaxe a Ernesto Chao.

23:00 – Auditorio do Castelo – Jauría – Kamikaze – Madrid.

1:00 – Igrexa da Madalena – Hemos venido a darlo todo – Voadora – Galicia.

Foros MIT: coloquio posfunción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Buxiganga2019 |

Comezou o Circuíto de Teatro Amador Buxiganga da Deputación de Lugo

PremioAnaDiosdado |

I Premio SGAE de Teatro Ana Diosdado para textos escritos por mulleres