O público de Vigocultura escolleu ás súas obras favoritas da Programación de 2019 no Auditorio Municipal de Vigo. D. E. P. Descanse en paz, de Malasombra Producións foi a máis votada entre o público adulto, mentres que Ummm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Producións, foi a preferida polo público infantil.
D.E.P. Descanse en paz, é unha produción realizada a partir dun texto de Pep Antón Gómez e Jordi Sánchez, traducido e adaptado por Xoque Carbajal. Esta montaxe bota man do humor para contar unha historia de egoísmo, mentiras e enganos entre irmáns ante a repartición dunha herdanza.
Pola súa parte, Ummm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Producións, foi estreada no propio Auditorio Municipal de Vigo, e conta en clave de comedia musical a historia da pastelaría de Dona Remedios, que ten cada vez menos clientes porque a súa dependenta, Ana, só sabe facer boliños de crema. Para facer fronte a este problema, Dona Remedios decide contratar un novo axudante quen de achegar novas ideas e facer os doces que a xente está a demandar nestes días. Dirixida por Xoán Abreu e protagonizada por Rocío Salgado e Martín Maez, a obra poderá verde de novo esta fin de semana na Sala Ártika de Vigo: o sábado 7 ás 18:00 e o domingo 8 ás 12:00 e ás 18:00.
En segundo e terceiro lugar, na categoría de Teatro para Adultos, foron os máis votados No hay papel, da compañía madrileña Desafora2 e Plastic, da bailarina e coreógrafa ourensá Paula Quintas. No teatro para a cativada, seguiron en votos a Avento Bitels para bebés, de La Petita Malumaluga, de Sabadell, e Emportats, de La Trocola, de San Vicent del Raspeig, en Alicante.