Convocadas as axudas a salas de artes escénicas de titularidade privada

A convocatoria reserva 150.000 euros para estes apoios, a mesma cantidade que o ano pasado.

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas a salas de artes escénicas de titularidade privada para o ano 2020. A orde recolle un orzamento total de 150.000 euros –o mesmo que o ano pasado– a metade dos cales conforman unha liña de axuda a gastos de funcionamento da sala (alugamentos, gastos correntes e de servizos, seguros, gastos de xestoría…), e outro tanto destinado a financiar os gastos de investimentos vinculados á programación. As axudas, dun máximo de 60.000 euros por entidade beneficiaria cubrirán ata un 75% dos proxectos presentados.

Entre os criterios que se terán en conta para a concesión das axudas están a antigüidade da empresa como xestora da sala para a cal se solicita axuda, a capacidade da sala, a pertenza á Rede Galega de Salas no ano anterior, o proxecto de programación (número de funcións, programación de compañías galegas, número de días con actividade aberta ao público, actividades complementarias), a existencia dun plan de comunicación e de creación de públicos, o número de empregados, ou a viabilidade económica do proxecto.

As entidades interesadas en participar desta convocatoria contan cun mes para presentar as súas solicitudes.

 

Deixar unha resposta