in

Volumen 2

Volumen 2

Vertixe sonora

ǀ Iván Fernández ǀ
ǀ Foto: Teatro Ensalle ǀ

 

A dialéctica corporal do silencio. O corpo que baila coa súa propia linguaxe, sen necesidade de música ou con ela. O son, o son do silencio, a ausencia de son. A capacidade de producir sons dende o corpo. A capacidade de escoitar os sons do corpo, e tamén dos seus silencios. A capacidade de producir silencio.

Mais, é posible, a existencia do silencio? É posible a ausencia total de son? Cando cremos que si, que o é, aparece devagar un rumor, un bater suave que nos lembra que aí está, sempre, batendo o noso corazón. E con ese bater tamén podemos bailar.

E porén, pódese falar dende o silencio? Dende logo, asistimos a unha proposta de comunicación directa cx espectador/x, que emociona dende o oco, o baleiro de ruído ao que estamos acostumadxs na nosa vida cotiá e que, polo tanto, ofrécenos a posibilidade de asomarnos a ese abismo de ausencia.

Asistimos a un espectáculo íntimo, ofrecido pola Cía. Sandra Gómez, quen vén de explorar o espazo que para bailar lle dá a intimidade en variados proxectos centrados no corpo e no movemento (por exemplo, na súa proposta Solo los solos, que nace da revisión de famosos solos de danza). Nesta presentación de Volumen 2, a artista valenciana déixanos entrar no seu espazo íntimo a través do bater do seu corazón e da amplificación artificial do mesmo, da creación de espazos de son e de silencio, da palabra e, especialmente, da mirada que inclúe ao público na proposta.

A soidade e o silencio son aspectos que aparecen repetidos nas diferentes exploracións da compañía, e que en Volumen 2 centran a observación, utilizando tamén as tecnoloxías audiovisuais que facilitan a diversificación da linguaxe: a distorsión, o illamento, a mecanización e a humanización do son, a exploración do volume e da textura.


Publicidade

Con Volumen 2 a sala Ensalle de Vigo pecha a décimo quinta edición do seu Festival Catropezas, neste ano singular que vén sendo para as salas de teatro do noso país.

 

Volumen 2, Sandra Gómez

Concepto: Sandra Gómez
Intérpretes: Sandra Gómez e Javi Vela
Espazo sonoro: Javi Vela

XV Festival ‘Catropezas’. Teatro Ensalle, Vigo. 27 de novembro de 2020.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

De Corpos Presentes

Xornadas ‘De Corpos Presentes’ na Coruña en decembro

Afonso Becerra

Faladoiro virtual: ‘Representacións Queer feministas no teatro’