in

Presentadas as ‘Dramaturxias Itinerantes’ de 2020

Dramaturxias Itinerantes
Esta nova xuntanza entre a dramaturxia contemporánea galega e a portuguesa contou coa lectura dramatizada das pezas de Clara Gayo e Cláudia Lucas Chéu.

 

O Centro Cultural Português do Camões de Vigo, o Consello da Cultura Galega e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) organizaron, por segundo ano consecutivo, o programa Dramaturxias itinerantes/Dramaturgias itinerantes. A edición deste atípico 2020 desenvolveuse, sen público, o pasado 10 de novembro nas instalacións do centro portugués e agora fanse públicos os rexistros de vídeo daquela xornada.

As dramaturgas seleccionadas para este terceiro encontro foron a galega Clara Gayo e a portuguesa Cláudia Lucas Chéu, dúas autoras nadas na década dos anos setenta que presentaron dous textos que nos mergullan nas dimensións máis escuras da condición humana nuns intres e que nos interpelan de xeito singular nestes intres tan difíciles que estamos a vivir.

 

O programa

Violência – fetiche do homem bom de Cláudia Lucas. Unha viaxe aos abismos hardcore da violencia humana guiada por dous irmáns, Miguel e Gabriel, fans da actriz porno Sasha Grey. Lectura dramatizada a cargo do grupo de teatro amador Eu.Experimento do Camões.

Batallas de Clara Gayo, interpretado por alumnas e alumnos da ESAD de Galicia baixo a dirección de Nuria Montero. Batallas é unha peza escrita entre os anos 2011 e 2013, inspirada e condicionada pola crise económica que arrasou o mundo desde o 2008. É unha mestura de xénero que ofrece unha sucesión de escenas entre personaxes que reflexionan sobre os motivos (e os culpables) que os conduciron á miseria e que ollan cara ao futuro con total escepticismo.


Publicidade

O evento rematou cun debate online entre as autoras, moderado polo dramaturgo, docente da ESAD e director da erregueté | Revista Galega de Teatro, Afonso Becerra.

|| Visita a web do Consello da Cultura Galega para ver o encontro completo ||

|| Le os textos ||

 

Dramaturxias itinerantes/Dramaturgias itinerantes

O programa naceu na primavera de 2019 co obxectivo de servir de ponte entre as escrituras teatrais galega e portuguesa para fomentar, a través do diálogo escénico, un mellor coñecemento mutuo que poida agromar en futuros traballos colectivos. Aquela primeira cita tivo lugar en Compostela e Vigo, cos textos das dramaturgas Patrícia Portela e AveLina Pérez. Despois, chegaron os textos de Ana Carreira e Joana Craveiro na segunda edición deste encontro entre as dramaturxias galega e portuguesa.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Siglo mío, bestia mía | CDN e Voadora

Siglo mío, bestia mía

A Creación do Anticorpo

Incendiaria impartirá un obradoiro de creación escénica en Cangas