in

A ESADg admitida no Instituto Internacional do Teatro da UNESCO

ESAD de Galicia

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, situada no barrio de Navia, en Vigo, foi admitida o pasado 10 de maio no Instituto Internacional do Teatro (ITI), unha selecta organización da UNESCO que forma unha rede de excelencia na educación en artes escénicas e de colaboración internacional. Deste modo, a ESAD de Galicia convértese na única escola de arte dramática do Estado representada no ITI, pasando a ser de facto a representante de España nos encontros internacionais que se celebran anualmente.

O Departamento de Mobilidade e Transición da ESAD de Galicia, leva máis dun lustro potenciando a proxección exterior da escola favorecendo intercambios de profesorado coas máis prestixiosas institucións de educación europeas. Isto conseguiu proxectar a escola a nivel internacional gozando agora mesmo deste recoñecemento por parte da UNESCO nun proceso de admisión que foi iniciado hai máis dun ano polo Prof. Dr. Fernando Llera. Unhas relacións que xa se estaban a tecer a través do Erasmus+, un programa de intercambio europeo no que alumnado e docentes doutros países veñen a Vigo para completar a súa formación e viceversa. Con esta integración no ITI/UNESCO estas relacións amplíanse a países dos cinco continentes.

A institución procura a integración das artes escénicas en todos os niveis da educación, defende unha financiación axeitada para os proxectos, considera o teatro como ferramenta de construción e desenvolvemento de comunidades máis xustas e asertivas, e coida pola preservación do patrimonio material e inmaterial ligado ás artes. A ESAD de Galicia pasa a formar parte da Rede de Educación Superior en Artes Escénicas deste programa educativo da UNESCO onde os países integrantes toman decisións que deberán ser adoptadas polos estados-membro. Vigo sitúase así no mapa mundial da educación en artes escénicas.


Publicidade

O próximo encontro celebrarase en Dubai no 2022 a onde acudirá unha comitiva da ESAD de Galicia xunto co Instituto de Danza Alicia Alonso, a única outra escola que forma parte do ITI en España, que está integrada na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid. Neste congreso internacional no que participarán oitenta e sete países a ESAD de Galicia será a voz das escolas superiores de arte dramática de todo o Estado español.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

TRC Danza

Arranca a segunda edición do Festival Primavera TRC Danza

FITEI

FITEI o Porto