in

Elefante Elegante estrea ‘Alma de tigre’

Alma de tigre © Vanessa Rabade 1 scaled |
Imaxe de Vanessa Rábade

A compañía galego-portuguesa Elefante Elegante estrea hoxe venres, 8 de abril, ás 20:30 horas, no Teatro Jofre de Ferrol, a súa nova proposta escénica,  Alma de tigre, unha creación na que o colectivo codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres segue a explorar e desenvolver a súa singular linguaxe teatral, baseada na xestualidade e o movemento.

Alma de tigre é un espectáculo que transita entre as artes visuais, a danza e o cine mudo.  Propón unha fantasía onírica a partir da historia de dúas irmás e un irmán que, logo de anos sen contacto, se reencontran na casa familiar após a morte da súa nai, unha figura que se revela fortemente autoritaria. Tres adultos que non foron quen de cortar o cordón umbilical cos seus pais loitan agora por se desfacer do seu pasado, cada quen a súa maneira, e sandar as súas feridas.

A memoria, os afectos, a herdanza e o futuro apuntalan esta nova creación de teatro sen palabras, que parte da premisa de que a vida “é un soño que se pode transformar, doadamente, nun pesadelo. Acontece así que o corpo, parte visible, é susceptible de agochar unha alma que se manifesta como de tigre: un animal carnívoro, salvaxe, fermoso pero implacable”.

Publicidade

A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revelaranse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral. O absurdo, el ridículo e o poderoso efecto cómico das situacións creadas esconden o fondo tráxico que a realidade humana transporta.

Sobre as táboas, cunha poética luminosa, presentamos unha historia cotiá e universal. Desde a ironía, queremos poñer en cuestión o modelo tradicional de familia, eses patróns que se repiten xeración tras xeración e ese fondo tráxico que a realidade humana transporta en si mesma”, explica Gonçalo Guerreiro, creador e director da peza.

Alma de tigre é unha obra construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio. A través da música, do movemento e da escenografía, revelaranse segredos que cuestionan a realidade humana, con gran beleza plástica e moito humor absurdo.

O teatro físico e a danza, trazos singulares de Elefante Elegante, póñense ao servizo da imaxe nun espectáculo que coquetea co barroco no visual e tamén no acústico. A unha escenografía en constante transformación engádese unha música que fuxe do simbolismo e que serve para impulsar a acción.

Alén da creación e dirección da peza, Guerreiro asume a escenografía nunha produción que conta no seu reparto con Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Domínguez e María Torres, responsable tamén da dirección artística. Completan o equipo técnico Carolina Díguele (produción de arte), Nacho Martín (deseño de iluminación), Diego Valeiras (vestiario), Manuel Fonte (Espazo Sonoro), Sabela Domínguez (coreografía) e Lilian Portela (produción e distribución).

A compañía

Elefante Elegante é unha compañía de teatro de orixe galego-portugués que produce espectáculos visuais baseados na xestualidade e no movemento, tanto para público familiar coma público adulto. As súas creacións buscan a universalidade a través da fusión de diferentes linguaxes: o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais.

Gonçalo Guerreiro e María Torres iniciaron en Bélxica a súa andaina como proxecto experimental, no que formaban parte intérpretes de diferentes países europeos. A proposta baseábase no xogo corporal e na súa relación co espazo. Estes anos de investigación foron fundamentais para establecer as liñas actuais de traballo da compañía.

O obxectivo principal de Elefante Elegante é desenvolver unha linguaxe teatral propia que permita tratar cuestións sociais, existenciais e ambientais que determinan a vivencia humana. O seu labor foi recoñecido con varios Premios María Casares nos últimos anos polos seus espectáculos Dreaming Juliet, Patapatum, Danza da choiva, Kassa e Nuncabunga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ás oito da tarde CDG

Primeiras imaxes de ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’ a nova produción do CDG

Premios Follas Novas

‘História da Dança’, ‘República Sideral’ e ‘Ese silencio’ entre os nomeados nos Premios do Libro Galego