O Colectivo Glovo, fincado en Lugo, vén de recibir catro galardóns e unha mención especial no festival CORPO MOBILE de Roma (Italia). CORPO MOBILE é unha plataforma coreográfica que se celebra en Roma, no Teatrocittà–Centro de investigación de teatro e música en Torrespaccata, en colaboración co director e coreógrafo Davide Romeo (Uscite di Emergenza Dance Company), que ten como obxectivo apoiar non só ás compañías seleccionadas e a danza na súa totalidade, senón que tamén promove a comunidade artística nesa zona da cidade.
A coreografía premiada foi ‘MARRAFA’. Trátase dun extracto da peza ‘EM·NA’, tamén da compañía, estreada no pasado ano 2021 tras recibir a subvención de axuda á creación de Agadic.
As mencións recibidas foron o OFFICIAL PRIZE CORPO MOBILE WORKSHOP, o Premio ADT–Advance Dance Training (Verona) —que permite aos directores do Colectivo Glovo desenvolver proxectos coreográficos con compañías de Roma e Verona—, o premio Teatro Selvatico e o premio The Loft Project, que posibilita a inclusión da compañía no catálogo de artes internacional baixo ese nome.
Ademais, recibiron unha mención especial da coreógrafa Sofía Di Lenna, que apreciou “a elección do ambiente espiritual e introspectivo; a linguaxe coreográfica con atención ao detalle; a madurez e a estética dos xestos; a sincronía, a fluidez e o entrelazamento armónico do dúo; a dinámica e o xogo coa música”.
- Sete persoas e entidades foron distinguidas nos IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas - 07/07/2026
- Moaña acolle a primeira edición do Festival Internacional das Culturas Mar da Illa de Samertolameu - 03/07/2026
- O Convento de Santa Clara acolle a Bienal de Artes Vivas de Pontevedra - 03/07/2026



