in ,

Amigos da Ópera da Coruña estrean ‘La Bohème’ de Puccini

Douscentos profesionais dan vida ao París do século XIX en ‘La Bohème’, coa que se inicia a Temporada Lírica de Amigos da Ópera da Coruña

Ensaio de 'La Bohème' no Palacio da Ópera da Coruña. Foto: Alfonso Rego.
Ensaio de 'La Bohème' no Palacio da Ópera da Coruña. Foto: Alfonso Rego.

La Bohème volve á Temporada Lírica de Amigos da Ópera da Coruña no Palacio da Ópera e faino este domingo, 8 de setembro, con 200 profesionais, que farán posible que se represente unha das óperas máis recoñecidas de Giacomo Puccini, no ano no que se cumpre o centenario da súa morte.

A primeira función será este domingo 8 de setembro e o martes día 10 será a segunda función, ambas ás 19.00 horas.

O elenco estará encabezado por Celso Albelo, que regresa á cidade herculina tras cinco anos de ausencia. E faino da man de Amigos da Ópera, entidade coa que mantén un estreito vínculo dende hai case dúas décadas.

O tenor canario converterase en Rodolfo, mentres que o papel de Mimì correrá a cargo de Miren Urbierta-Vega, soprano que coprotagonizou a gala de clausura da Tempada Lírica en 2023.

Nesta edición soben por primeira vez ao escenario coruñés Massimo Cavalletti, Manuel Mas e Matteo Peirone, interpretando respectivamente a Marcello, Schaunard e o dobre papel de Benoît-Alcindoro.

Pola súa banda, o baixo Simón Orfila é outro dos artistas que regresa á cidade, e nesta ocasión converterase en Colline. Mentres que a soprano coruñesa Helena Abad debutará no papel de Musetta. Xunto a eles, Pablo Carballido repite o papel de Parpignol; Alfonso Castro será Doganiere e Jacobo Rubianes será o sarxento.


Publicidade

Todos eles dan vida a La Bohème, que conta con decorados e traxes deseñados por Danilo Coppola e iluminación por Lisa Leone. A montaxe viaxou dende o Luglio Teatro Trapanese, con dirección escénica de Danilo Coppola, sendo esta a primeira vez que se verá en Galicia e no Estado.

Todos eles estarán rodeados de cincuenta membros da Coral Gaos dirixida por Fernando Briones, tamén responsable da Orquestra Gaos. Ademais, unha vintena de integrantes do Coro Infantil Cantabile, con Pablo Carballido á fronte, que completan as voces de La Bohème que estará apoiada por unha ducia de figurantes.

Un gran equipo artístico que subirá ao escenario da Coruña e que estará dirixido dende o foso por José Miguel Pérez-Sierra á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Para crear e compoñer este espectáculo que inicia a programación, co que a Asociación celebra o seu 72 aniversario, complétase o colectivo con profesionais dos departamentos de técnica, maquinaria, perruquería, maquillaxe, confección, atrezzo, iluminación e produción.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Asociación Unima Galicia.

Comeza o curso. Estudamos a fondo o teatro de obxectos?

33º FIOT reducida

O FIOT de Carballo desvela o programa da súa 33ª edición