in

Comeza o curso. Estudamos a fondo o teatro de obxectos?

Foto: Asociación Unima Galicia.
Foto: Asociación Unima Galicia.

Teatro de formas animadas, títeres, teatro de obxectos, monicreques… Coa súa denominación máis ou menos inclusiva, máis tradicional ou específica, imos falar dun sector escénico con fonda pegada na cultura galega e con ampla e diversa actividade na nosa comunidade. A finais do curso pasado, a Asociación Unima Galicia organizaba en Betanzos o XII Encontro titiriteiro e froito daquelas reflexións e coloquios entre profesionais de dentro e fóra de Galicia, queremos facer resoar tadas aquelas ideas e demandas neste inicio de curso. Falamos en termos educativos, efectivamente, porque alén da cuestión creativa e de distribución profesional, a acción pedagóxica é unha materia pendente e con enormes posibilidades de desenvolvemento, que foi abordada nunha das mesas daquel foro celebrado entre o 5 e o 7 de xullo e no cal tivemos a oportunidade de participar.

A nosa cultura contemporánea e o proceso de normalización lingüística tiveron unha profunda relación co teatro de títeres, na dimensión creativa, comunitaria e con repercusión na identidade dunha cultura que, despois da ditadura franquista, quere recuperar, poñer en valor, actualizar e dignificar todo un rico patrimonio cultural da tradición oral ou do títere tradicional, da cultura popular e das formas artesanais, en sintonía cun activismo latente (moitas veces tamén en defensa do territorio e do medio), que tiña lugar nas rúas e nas romarías. Eran lugares de sociabilización e encontro coa nosa tradición a través do títere. Toda aquela actividade dos anos 70 tivo unha influencia e unha relevancia máis alá do ámbito escénico. A nosa cultura actual non se pode entender sen todas as iniciativas daqueles profesionais pioneiros do que hoxe podemos incluír na ampla etiqueta de teatro de formas animadas.

No mapa do ámbito de teatro de monicreques, a cultura galega conta con referentes indiscutibles na creación (compañías históricas coma os monicreques de Kukas, Titirití, Viravolta, Tanxarina ou Cachirulo), da difusión (festivais como Galicreques, Memorial Juanjo Amoedo de Redondela, Titiriberia, etc.), da investigación (as induscutibles achegas das teses de doutoramento de José Breijo Vidal “Topo” e Comba Campoy, tamén co proxecto da Asociación Cultural Morreu o demo) e do asociacionismo, como pode ser toda a actividade legada pola denominada Asociación de Titiriteiros Galegos, que alén doutras reivindicacións, escribiu importantes episodios no avance da profesionalización do sector a través da formación non regrada en Galicia, como foron os cursos de construción de títeres realizados en Vigo polo mestre Paco Peralta, entre outros.

Pero máis alá desta evidente relevancia e implantación do títere na nosa cultura, con emblemas tamén institucionais, coma o Premio Barriga Verde convocado pola Xunta de Galicia para textos de teatro de monicreques, a formación regrada aínda non chegou ó noso territorio. A pesar das oportunidades e facilidades, da existencia dun marco legal que contempla o itinerario de interpretación con obxectos nos estudos superiores de Arte Dramática, no Decreto 179/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática en Galicia, a realidade é que hoxe en día calquera persoa que queira desenvolver a súa formación neste ámbito aínda ten que saír fóra, como fixeron moitas xeracións de titiriteiros que logo regresaron á súa terra para desenvolver un proxecto laboral, dende Tatán a Alba Grande.

Precisamente este foi o foco de análise e discusión deste encontro, onde como dixo o actor e profesor da ESAD Santi Prego, o obxecto permite desenvolver moitas competencias no ámbito da formación artística, non só polo interese técnico do obxecto en si mesmo, senón tamén polas posibilidades de permeabilidade entre disciplinas, nomeadamente a dramaturxia, técnicas escenográficas ou interpretativas. O obxecto, con moita presenza na creación escénica contemporánea, repercute a súa esixencia e as súas posibilidades expresivas en diferentes eidos de acción pedagóxica, polo cal a súa implantación nunha escola de Arte Dramática resulta tan estimulante, sobre todo na escola galega, onde os tres itinerarios actuais poderían verse tan fortemente nutridos, así como a súa proxección en territorios de influencia tan importantes coma o portugués. A masa crítica, a tradición, a linguaxe contemporánea da escena e a optimización de recursos (especialmente en especialidades con menor número de alumnado coma Escenografía ou Dramaturxia) son aspectos que evidencian a necesidade da implantación do itinerario de teatro de obxectos por parte das autoridades educativas na ESAD de Galicia. Como indica a artista Shaday Larios na súa tese de Doutoramento titulada Metafísica del objeto cotidiano, “es posible que nuestros objetos hablen por nosotros cuando ya no estemos aquí. O cuando nos neguemos a hablar, o por muchas otras ausencias.” O obxecto é capaz de rescatar a memoria, como se viu en moitas tradicións e como se pode ver no sentido cívico e transdisciplinar do teatro contemporáneo.


Publicidade

Resultaron moi esclarecedoras e alentadoras tamén as intervencións de persoas de fóra de Galicia, que nos falaron dos procesos e das experiencias da instauración da formación regrada en teatro de obxectos noutros territorios do Estado español ao longo do tempo, concretamente no Institut del Teatre dende o ano 75, como un dos grandes referentes, tamén pola primeira ubicación en Terrasa, compartindo espazos e medios coa escola de Técnicas das Artes do Espectáculo (luminotecnia, son e maquinaria escénica), aínda que na actualidade xa está definitivamente na sede central de Barcelona co seu actualizado itinerario de teatro visual, onde forma a profesionais no ámbito da expresión do obxecto nun sentido amplo, tanto nos títeres coma no teatro de sombras e obxectos virtuais. Diferente proceso foi a súa estabilización formativa no País Vasco, onde de maneira similar ao que podería acontecer en Galicia, primeiro propúxose unha materia optativa, tendo en conta a crecente demanda e interese do alumnado, e despois xa nunha segunda fase, a especialidade.

Pero ademais de Alfred Casas e Juanjo Herrero, a esclarecedora ponencia de Idoya Otegui, fundadora do TOPIC, Centro Internacional da Marioneta de Tolosa, deixounos un formidable resumo en tres puntos sobre os beneficios e a axuda que pode achegar a formación en teatro de obxectos para unha comunidade que se quere sólida nos cementos de cohesión social e innovación educativa. Estes serían:

  1. Conservar o patrimonio, en tanto que ademais de Museos e Centros de documentación (aí temos o proxecto impulsado por Viravolta para un activo Museo Galego da Marioneta en Lalín), a propia actividade artística leva a procesos de rescate e documentación de todo un inmenso patrimonio inmaterial e material, non só escénico, que responsablemente deberiamos acompañar e contribuír publicamente na súa preservación.
  2. Elevar a calidade profesional do sistema cultural, pois abre frontes de hibridación e coñecemento coma as que podemos ver en procesos universitarios coma o da compañía inglesa Blind Summit Puppet Theatre ou en inquedanzas máis cercanas a nós coma a da compañía galega Cinema Sticado.
  3. Recoñecer e divulgar o teatro de Títeres, pois aínda é abundante a desinformación, o descoñecemento ou prexuízos en torno ao teatro de títeres, maioritariamente asociado ao teatro infantil, ás festas ou a unha escala menor dentro da profesión teatral. Pero aí precisamente empezaron as traxectorias de compañías teatrais de poéticas contemporáneas como Matarile Teatro, experimentando coa construción e manipulación de monicreques e rachando certos tópicos.

Temos un horizonte estimulante e realista para a consolidación dun polo escénico no ámbito do teatro de formas animadas, que alentan iniciativas tan poderosas, inspiradoras e tan ben pensadas dentro e fóra do noso territorio como o recente festival COSA (Festival de Teatro de Cuerpo, Objeto y Sitio Específico de Andalucía), ideado por Alberto Conejero ou iniciativas teatrais que contribúen a liberar esa percepción infranqueable das tradicionais formas expresivas ou das formas preconcibidas que non alentan unha visión moito máis ampla da expresión teatral. Esa que poida interpelar á sociedade dende outras formas máis innovadoras ou emotivas. Iso é o que vemos nas miniaturas obxectuais empregadas por El Patio Teatro ou no espectáculo galego O meu Mundo non é deste Reino, de Teatro da Ramboia. Exemplos de compañías de teatro de adultos que mesturan e abrazan as formas animadas como estratexia para recoller a emoción do cotián, a reflexión política ou a expresión dun relato escénico en que a manipulación, a voz e o corpo constrúen imaxinarios e mundos que nos conectan con outras disciplinas, dende as máis modernas da linguaxe audiovisual ata as máis relacionadas coas vocacións artesanais.

Velaquí pois un alento e un desexo para este inicio de curso, a formación regrada no teatro de obxectos. Oxalá pronto, a ESAD de Galicia, saiba aproveitar todo este legado, toda a complicidade e demanda do sector que se reuniu neste encontro de Unima Galicia para visibilizar toda un horizonte de expansión e estímulo para outros sectores culturais e formativos. O títere forma parte da nosa identidade cultural pero tamén dos nosos proxectos e desexos de futuro.

Roberto Pascual

Roberto Pascual

É director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, profesor na ESAD de Galicia e colaborador no Diario Cultural da Radio Galega. No ámbito creativo e investigador, publicou 'Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro' (Xerais), '40 anos daquel Abrente' (Galaxia), traduciu e editou a obra de Raúl Dans 'Matalobos' para a ADE, traduciu ao portugués, castelán e galego a obra 'La Merda', de Cristian Ceresoli, traballou como redactor no Dicionario de termos escénicos do web do CCG, realizou o guión do documental 'Non vale parar'. No ámbito da xestión cultural, traballou como asesor no INAEM - Ministerio de Cultura, para o Cabildo de Tenerife, o Instituto Cervantes, a Universidade Complutense ou en informes e comisións do Consello da Cultura Galega. Ten participado en conferencias e encontros diversos, dende o FITEI do Porto ata o HtH CDN de Montpellier, ten publicado artigos en actas de Congresos, revistas e ponencias de diversos países. En 2016 foi o voceiro da Comisión redactora do Anteproxecto de lei de Artes Escénicas de Galicia, presentado no Parlamento de Galicia e pendente de tramitación.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

3

Un achegamento ao Centro de Creación Escénica La Parrala

Ensaio de 'La Bohème' no Palacio da Ópera da Coruña. Foto: Alfonso Rego.

Amigos da Ópera da Coruña estrean ‘La Bohème’ de Puccini