Cinco semanas de teatro co foco posto na relación entre a tradición e o contemporáneo. Así se vén de presentar a nova edición do Festival Internacional de Outono de Teatro, FIOT, de Carballo. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturgas e dramaturgos e directoras e directores como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, Paula Carballeira, Alberto Conejero ou Andrea Jiménez, ademais de intérpretes como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.
Baixo o lema Agora é sempre, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo “achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre”.
Este outono, por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.
Estará tamén a compañía galega Berrobambán (con Paula Carballeira, que obtivo o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023), que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre as creadoras e creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.
Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa “aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades”, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.
Venda de bonos e entradas
A venda anticipada dos bonos para as persoas socias da Asociación Cultural Telón e Aparte, impulsora do FIOT, activarase do 12 ao 19 de setembro, mentres que o público xeral poderá adquirir os seus bonos e entradas soltas a partir do 23 de setembro, a través da plataforma Ataquilla. Polo súa banda, os bonos e entradas da Rúa dos Contos estarán a disposición do público desde o día 16 de setembro.
Un encontro alén da escena
O FIOT é unha das principais citas de artes escénicas de Galicia. Cada outono reúne a máis de 10 000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos do circuíto escénico actual no plano galego, nacional e internacional e unha trintena de actividades paralelas. Nese senso, ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos.
Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións e a entrega do premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González.
O #FIOT33 resumido
- 36 espectáculos.
- 8 estreas
- 1 estrea en España.
- 6 estreas en Galicia.
- 1 coprodución do FIOT.
- 7 comunidades autónomas (Galicia, Valencia, Cataluña, Castela e León, Comunidade de Madrid, Andalucía e Navarra)
- 3 países (España, Arxentina e Cuba)
As oito estreas absolutas desta edición son:
- Mulleres que viven soas #MQVS, de Berrobambán en coprodución co FIOT.
- Multiperspectivas#3, de Paula Quintas Cía.
- Cagadas, de Cándido Pazó.
- Instrucións para tomar café, de Carlos
- Respira, de Sempre Arriba.
- Rebel Rebe, de Vórtice Escénico.
- Teño un caravel no peito, de Aviva-lo.
- Wasteland, de VAIEMBORA.
A estrea en España desta edición é:
- El brote, da Compañía Criolla.
As seis estreas en Galicia desta edición son:
- Casting Lear, de Andrea Jiménez Barco Pirata T. e Teatro de La Abadía.
- Vania x Vania (versión 1), de Teatro Kamikaze.
- Teatro de papel, de Rauxa Cía.
- Una rueda que da vueltas, de Almealera.
- Lullaby, de Proyecto Kavauri.
- Sois maravillosos D.O. Cádiz, de Miki Dkai.