in ,

O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de Paula Quintas, VACAburra e SÖA

Os tres proxectos de danza e artes do movemento estrearanse en 2027

Andrea Quintana
Imaxe de 'Felices', o novo proxecto de VACAburra. Foto de Rubén Vilanova.

Inercia, Felices e Daydreaming son os tres proxectos seleccionados na convocatoria pública de contratación que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolve a través do Centro Coreográfico Galego. A Xunta de Galicia coproducirá así os novos espectáculos de danza e artes do movemento das compañías Paula Quintas, VACAburra e SÖA.

A Axencia Galega das Industrias Culturais destinou a esta medida un crédito máximo de 54.447 euros, co que contribuirá á produción e posta en escena das tres propostas durante 2027. A resolución, que indica as contías sen IVE, adxudícalle 14.500 euros a Inercia, de Paula Quintas, e 14.999 a Felices, de Andrea Quintana, na primeira modalidade da convocatoria destinada a compañías consolidadas (con máis de 5 anos de traxectoria) e outros 14.999 euros a Daydreaming, de Martín Blanco, que foi a elixida na categoría reservada a creadoras e compañías emerxentes. As tres creacións poderán tamén contar coas instalacións e o apoio do Centro Coreográfico Galego durante o seu proceso de desenvolvemento.

En liña coa aplicación do Plan Integral para a Danza de Galicia, este programa ten como obxectivo “favorecer a produción galega de danza nas súas diferentes modalidades, apoiar o desenvolvemento profesional das compañías e impulsar a creación de espectáculos capaces de adaptarse a distintos contextos de exhibición”. As propostas seleccionadas están concibidas para a súa representación na rúa ou en espazos públicos e non convencionais.

Danza aérea e contrapeso

Inercia, título provisional do proxecto de Paula Quintas, é un espectáculo de danza aérea e contrapeso que explora a relación entre o corpo e a gravidade. A través dun dispositivo mecánico capaz de simular a física lunar, dúas persoas intérpretes desenvolven unha danza baseada na interdependencia, na que a caída dunha impulsa a ascensión da outra.

O peso, o equilibrio e o movemento constitúen os principais elementos dunha peza que propón outras formas de habitar o espazo e de relacionarse coa forza da gravidade. A idea orixinal e a dirección corren a cargo de Arturo Cobas e Paula Quintas, quen tamén integran o elenco, coa asistencia de dirección de Rut Balbís e a composición musical e o espazo sonoro de Nacho Muñoz.

A alegría como experiencia compartida

A segunda das propostas seleccionadas é Felices, un proxecto de investigación e creación coreográfica da compañía VACAburra, dirixido por Andrea Quintana. A peza explora a alegría como experiencia colectiva e fenómeno relacional, empregando o movemento como medio para transmitir e compartir estados afectivos.

A danza, o humor e a risa funcionan como elementos para activar a atención, a empatía e o gozo, entendendo a felicidade como unha práctica corporal construída en tempo real entre as intérpretes e o público. Trátase dunha proposta de pequeno formato para todos os públicos e adaptable a distintos tipos de espazos.

Andrea Quintana asume a dirección e comparte a coreografía con Clara Ferrão. Ambas protagonizan tamén a peza, que conta coa dramaturxia de Andrea Quintana e Gena Baamonde, a asesoría en clown de Natalia Pajarito e o espazo sonoro de Ailén Kendelman.

Modalidade emerxente

Na categoría para creadoras e compañías emerxentes, o proxecto seleccionado é Daydreaming, de Martín Blanco e a compañía SÖA. A proposta aborda ese espazo no que a mente se afasta momentaneamente da realidade e transita entre a imaxinación, o absurdo, o humor e a fraxilidade.

Concibida como un solo para rúa, a peza combina recursos da danza contemporánea e urbana coa acrobacia e o clown. O espectáculo “parte da experiencia de soñar espertos e da procura dunha realidade imaxinaria coa que romper a vida cotiá e recuperar a capacidade de sorpresa”.

Daydreaming está codirixida por Kiko López e Carlota Rosón Rojo, con coreografía de Martín Blanco e Kiko López e interpretación do propio Martín Blanco. Elba Souto encárgase da música e do espazo sonoro, Miriam Cartagena do vestiario e Amarelo do asesoramento de produción e distribución.

Martín Blanco
Imaxe de Daydreaming, o novo proxecto de Cía. SÖA. Fonte: Xunta de Galicia.

Outras liñas de apoio

A convocatoria de coproducións do Centro Coreográfico Galego compleméntase con outras liñas da Xunta dirixidas ao sector, entre elas as subvencións á creación escénica, os programas de formación e acompañamento profesional e as accións de promoción e internacionalización da danza galega.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Presentación da temporada 2026/2027 do Centro Dramático Galego no Salón Teatro.

A nova temporada do CDG suma 14 novos espectáculos e tres reposicións