in

Oito novos proxectos de danza nas Residencias RPM

Residencias paraíso |
Seleccionáronse as propostas de Javier Martín, Cris Balboa, Ánxela Blanco, Marco Antonio Regueiro Fariña, Luz Prado, Gena Baamonde, Laura Iturralde con Montse Piñeiro, e Federico Vladimir Strate Pezdirc con Pablo Esbert Lilienfeld

 

A organización de Residencias Paraíso deu a coñecer onte os oito proxectos de danza que recibirán apoio económico e técnico na segunda edición deste programa, promovido polo Colectivo RPM en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para impulsar a investigación e a creación arredor das artes do movemento.

O director da Agadic participou na Coruña na presentación desta selección xunto os artistas membros de RPM (Rut Balbís, Alexis Fernández, Félix Fernández, Andrea Quintana e Caterina Varela) e unha representación das entidades que tamén prestan o seu apoio a esta iniciativa: Deputación Provincial da Coruña, Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) e os concellos da Coruña, Carballo, Lugo, Narón, Ourense e Santiago de Compostela.

Nesta segunda edición, o programa ofreceu oito residencias artísticas de entre dúas e tres semanas de duración, que se desenvolverán ata o mes de novembro e para as que se conta cunha dotación total de 18.000 euros.

Como sinalou o director da Agadic na súa intervención, a experiencia do ano pasado vén confirmar que as Residencias Paraíso “están a ser, efectivamente, ese compañeiro útil no que os artistas atopan un espazo físico e un contexto afín ás súas inquedanzas, o que lles facilita en gran medida o desenvolvemento das súas propostas”.

 

Cifras en aumento

Para Jacobo Sutil, esta nova edición parte xa con datos moi positivos: “Engádense tres novos espazos receptores (Teatro Colón da Coruña, Sala Agustín Magán do CSC Santa Marta de Santiago e Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra), co que se incrementa a nove o número dos espazos colaboradores”, explicou, ao tempo que engadiu que este ano aumentou ata 80 a cifra de proxectos presentados, o 70 por cento deles galegos.


Publicidade

As propostas seleccionadas este ano son Método negro, de Javier Martín, para o Teatro Colón da Coruña; Lo que sigue, de Cris Balboa, para a Sala Agustín Magán de Santiago; Voo, de Ánxela Blanco, na Fundación Luís Seoane da Coruña; Sobre o concepto do tempo, de Marco Antonio Regueiro Fariña, para o Auditorio Municipal de Ourense; LVZ, de Luz Prado, para o Teatro Rosalía Castro da Coruña; Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, de Gena Baamonde, para o Vello Cárcere de Lugo; Fío, de Laura Iturralde e Montse Piñeiro, para a Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; e Status, de Federico Vladimir Strate Pezdirc e Pablo Esbert Lilienfeld, no Pazo da Cultura de Carballo.

 

Mención especial

Ademais deste grupo de artistas, a comisión de selección decidiu engadir unha mención especial á compañía formada Laura Villaverde e Roi Fernández co seu proxecto Illas Desertas, co que estarán en residencia no Pazo de Cultura de Narón durante unha semana.

A devandita comisión estivo integrada pola artista María Roja, Raquel Hernández, de Teatro Ensalle; Javier Cuevas, de Leal.Lav Tenerife; e Rut Balbís e Alexis Fernández, en representación do Colectivo RPM.

Cara á súa decisión, valoraron especialmente o equilibro de perfís tanto das traxectorias artísticas como dos proxectos. “Dende a aposta polos valores que levan anos desenvolvendo un labor artístico destacable no noso campo ata o impulso das forzas máis emerxentes, así como a inclusión de proxectos transdisciplinares e de autor cunha altura artística fantástica, fixeron que o grupo se erguese cunha interesante solidez froito das distintas e marabillosas identidades propias de cada artista”, sinalou a organización.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pegada |

Premio ‘A Pegada de MicroDramas’

breverías |

Teatro Aforo convoca o certame de microteatro ‘Breverías teatrais’