in

Laiovento publica dúas comedias de Shakespeare

AsYouLikeItFrancisHayman |
The Wrestling Scene from 'As You Like It' c.1740-2 Francis Hayman 1708-1776 Purchased 1953 http://www.tate.org.uk/art/work/N06206

ShakespeareLaiovento |Un novo volume reúne dúas comedias de William Shakespeare de moi distinta índole que son boa mostra da amplitude do seu xenio: Ao voso gusto e Medida por medida. As dúas obras están traducidas por Miguel Pérez Romero.

Ao voso gusto (probablemente escrita e estreada en 1599) é unha comedia romántica e pastoril. Varios personaxes, que foxen da corte vítimas de distintas inxustizas (un duque deposto por seu irmán, acompañado dun pequeno grupo de leais; a súa filla Rosalinda, desterrada polo tío e acompañada pola súa prima Celia; o xove Orlando, desposuído e maltratado por seu irmán maior, acompañado por un vello e fiel servente), coinciden no idílico bosque de Arden, onde transcorre a maior parte da obra, e alí atoparanse con algúns dos seus moradores. É unha comedia brillante e divertida. A súa protagonista, Rosalinda, é o personaxe feminino máis atractivo e encantador de Shakespeare. Disfrazada de home, xogando coa ambigüidade sexual, será a forza motriz que levará os enredos da obra a un final feliz. Pero hai tamén outros personaxes de grande atractivo: o melancólico Xacobe, o bufón Pedradetoque, os pastores Silvio e Feba…

A acción de Medida por medida (1604) está situada nun contexto urbano, cos seus baixos fondos incluídos. É una obra de cores escuras, cuns personaxes demasiado humanos para unha comedia, constantemente no límite da traxedia, polo que máis propiamente hai que cualificala como traxicomedia. O duque de Viena decide ausentarse por tempo indefinido e deixa o goberno da cidade en mans de Ánxelo, home de moralidade estrita que está decidido a poñer freo ao que considera crecente libertinaxe sexual. Condena a morte a Clodio, que vai ter un fillo coa súa prometida. Isabel, unha noviza irmá de Clodio, é convencida para que interceda por el ante Ánxelo. Este accede a perdoalo, pero cunha condición. É unha obra que invita a reflexións morais sobre a corrupción e abuso do poder, a sexualidade, a mentira, a xustiza e o perdón. Dunha asombrosa modernidade, cun final aberto que na lectura queda en mans do lector e no escenario nas de actriz que interpreta a Isabel.


Publicidade

 

Na imaxe: unha escena de Ao voso gusto pintada por Francis Hayman (1708–1776).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ExpoDomingosdoPrincipal |

Unha exposición celebra os 20 anos dos Domingos do Principal de Pontevedra

DeputaciónLugo |

A Deputación de Lugo duplicará o seu apoio ao teatro profesional