in

Compostela acollerá en 2020 o I Congreso Internacional do Teatro Galego

PresentacionCongreso |
O edificio Cinc da Cidade da Cultura acollerá, entre o 25 e o 28 de marzo de 2020, o I Congreso Internacional do Teatro Galego, organizado pola Academia Galega de Teatro. Baixo o lema co lema “Co 2030 no horizonte”, o Congreso pretende, entre outros obxectivos, crear un plan estratéxico e unha lei do teatro na próxima década.

 

Na presentación, celebrada onte no Consello da Cultura Galega, participaron Dores Vilavedra, en representación da institución; a presidenta da Academia Galega de Teatro, Inma António Souto, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

Dolores Vilavedra subliñou a “organización exemplar” do Congreso por parte da Academia, á que parabenizou por asumir esta tarefa. Así mesmo, reflexionou sobre a oportunidade que ofrece de reconfigurar o papel das Academias no século XXI, creando ocasións para xerar coñecemento nun contexto profesional definido pola alta precarización.

Inma António, pola sua parte, afirmou que a celebración do Congreso é un “motivo de celebración” e lembrou que reflicte os tres obxectivos que se marcou a Academia dende o día da súa constitución: ser un punto de encontro para as xentes do teatro, manifestar vocación de servizo cara á sociedade e marcar obxectivos ambiciosos para as artes escénicas.

António agradeceu a complicidade das asociacións e institucións que conforman o tecido teatral galego, dende as asociacións profesionais –como a Asociación de Actrices e Actores de Galicia, Escena Galega, UNIMA Galicia ou a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural– ata as tres universidades, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a Biblioteca Francisco Pillado Maior ou asociacións de ámbito estatal como ADE (Asociación de Directores de Escena de España) ou AISGE (Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión).

Co obxectivo expreso de pensar no futuro do teatro do país para o 2030, a presidenta da Academia, subliñou o obxectivo de que o congreso sirva para axudar a crear un plan estratéxico ou “unha lei do teatro” na vindeira década. Neste sentido, indicou que se pretende equilibrar o traballo académico co de intervención para ter unha real incidencia na sociedade: entre outros obxectivos, preténdese crear un plan estratéxico e unha lei do teatro para a próxima década.

Anunciou tamén que, coa intención “render homenaxe a toda unha xeración que traballou para que a escena galega existisen”, serán nomeados membros de honra Manuel Lourenzo, Luís Álvarez Pousa e María Xosé Queizán.

 

Reivindicacións de hai décadas


Publicidade

Goretti Sanmartín parabenizou á Academia e manifestou o interese de que o Congreso aglutine “todo o saber teatral do país” para lle dar forma a unhas reivindicacións que se manteñen vixentes dende hai décadas, e mostrou o apoio da Deputación da Coruña e a súa disposición a –en diálogo coas entidades profesionais– explotar todas as potencialidades do teatro galego.

Sanmartín tamén destacou que a cultura galega sempre dialogou –”e debe dialogar en pé de igualdade”– con outras culturas e sinalou que a celebración do Congreso coincide coa celebración do centenario da Xeración Nós, paradigma dese diálogo intercultural. Esta coincidencia, sinalou, permitirá reivindicar a achega dos membros de Nós ao ámbito teatral, “se cadra, menos visible” que as súas contribucións a outros xéneros literarios.

Anxo Lourenzo, finalmente, lembrou que o ano 2020 estará ateigado de celebracións relacionadas co teatro en Galicia, ao coincidir as conmemoracións dos centenarios do grupo Nós e de Isaac Díaz Pardo. Pechou o acto poñendo en valor o gran traballo da Academia, que malia a súa mocidade, foi quen de organizar un Congreso destas características.

 

O Congreso

O Congreso Internacional do Teatro Galego artellarase arredor de tres grandes ámbitos temáticos: Experiencia acumulada, que inclúe a análise do proceso de profesionalización, a evolución das programacións teatrais no súltimos 20 anos, e a análise da evolución dos espazos escénicos; Retos actuais, que desenvolverá os epígrafes “A crise da profesión teatral e os seus oficios; conflitos laborais e sociais”, “As programacións teatrais en Galicia”, e “Por un teatro inclusivo”; e Modelos externos, que analizará o modelo portugués, outros modelos europeos e modelos americanos.

Entre o 25 e o 28 de marzo de 2020, realizaranse comunicacións, mesas redondas e sesións plenarias con vocación de pluralidade aberta a todas aquelas experiencias e manifestacións teatrais que lle dan forma ao teatro en Galicia.

O Congreso xa conta cunha web propia na que se poden consultar os detalles do programa e os requisitos para participar. Pode consultarse en: http://congresodoteatro.gal.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

barracaBarrigaVerde |

Barriga Verde entra na RAG

ArlequinaKukas |

Os Monicreques de Kukas celebran 40 anos coa estrea de ‘Arlequina’