in

A compañía IO sobe ao escenario do Salón Teatro con ‘4 segundos’

4segundos |
A acción física e o movemento, con gran peso das acrobacias, son o motor desta peza, con ambientación sonora en directo.

 

O Centro Dramático Galego (CDG) ábrelle as portas do Salón Teatro de Santiago á Compañía IO, que esta fin de semana representa alí o seu espectáculo 4 segundos, no que mestura novo circo, danza e a experimentación coa música electrónica. Son tres as funcións da montaxe programadas neste espazo da Xunta, onde poderá verse o venres 6 e o sábado 7, ás 20:30, e o domingo 8, ás 18:00.

O título desta peza fai referencia a como os poucos segundos dun suceso dramático, como un accidente, poden cambialo todo e a como a sensación de perigo ou risco esperta o noso instinto animal de supervivencia. Trátase do segundo espectáculo desta compañía galega, que debutou en 2016 con Contiguo e que hai un mes estreou Espida, a súa nova proposta.

Álvaro Reboredo “Fitinho” asina tanto a dirección como a dramaturxia, que interpreta xunto a Beatriz Rubio e Javier Lemus. Este último é o encargado da súa ambientación sonora en directo, a partir das bases electrónicas que manexa desde a mesa situada no propio escenario. Tamén sobre el, un gran número de tubos mantéñense en pé ocupando todo o espazo de xeito que, a partir do seu manexo, a acción física e o movemento son o verdadeiro motor deste espectáculo, con gran peso das acrobacias.


Publicidade

No equipo artístico de 4 segundos, atópanse tamén o coreógrafo e ex ximnasta da selección olímpica brasileira Maximiliano Sanford Monte, na dirección de movemento; Atelier Efímero, a cargo do vestiario; Javier Quintana, da iluminación, e a propia Beatriz Rubio, da escenografía.

As tres funcións en Compostela supoñen a reestrea de 4 segundos en salas tras o seu percorrido como espectáculo de rúa, durante o cal gañou o Premio ao Mellor Espectáculo de Rúa da edición de 2019 do FETEGA, Festival de Teatro Galego do Carballiño.

As entradas poderán adquirirse unicamente no despacho de billetes do Salón Teatro, que abrirá ao público desde dúas horas antes do comezo da representación.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Día Mundial do Libro

Finalistas dos Premios Gala do Libro Galego 2020 na categoría ‘Teatro’

Guillermo Heras

Seminario de Dramaturxia e Lectura Dramatizada con Guillermo Heras en Viana do Castelo