in

Cancelacións nos teatros galegos polas medidas de prevención contra o Covid-19

teatro0987637 |
As cancelacións de espectáculos derivadas das novas medidas de prevención por mor da epidemia de coronavirus precipítanse en cascada.

 

  • O Concello de Cangas tamén cesa todas as actividades públicas nas súas instalacións. Isto afecta a outra estrea, a de Microspectivas dun marica millennial, da compañía Incendiaria, prevista para este sábado.

 

  • A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural vén de facer público un comunicado no que piden medidas extraordinarias para paliar os efectos económicos da epidemia no mundo da cultura

 

  • O Festival Atlántica informa de que a súa programación queda cancelada atendendo ás medidas de feches cautelares de espazos culturais tomadas polas distintas institucións para frear o avance do Covid-19 e que son efectivas desde o día de hoxe.

 

  • Lugo pecha todas as dependencias municipais (culturais, deportivas, sociais, garderías, ociotecas, Escola Municipal de Música, Casa da Xuventude, etc.) e suspende todas as actividades organizadas desde o concello ata novo aviso, en función de como evolucione a situación.

 

  • Narón suspende as actividades todas as instalacións culturais dependentes do Concello, así como todos os espectáculos públicos culturais en ditas instalacións.

 

  • O Concello de Ferrol pecha todos os centros culturais, cívicos e deportivos, incluídos o Teatro Jofre, o Auditorio e o Torrente Ballester, para intentar frear a expansión do coronavirus. Isto supón a suspensión das actividades previstas, entre elas o Festival Atlántica.

 

  • Adíase a presentación do festival Terra Máxica e a actuación de Huang Zheng que estaba prevista para a tarde deste domingo en Allariz.

 

  • Tui pecha dende mañá todas as instalacións culturais do Concello, é dicir, Teatro Municipal, Biblioteca Municipal, Sala de Exposicións, e mesmo os centros culturais das parroquias de titularidade municipal. Isto implica a suspensión de todas as actividades previstas no Teatro Municipal de Tui.

 

  • Muros apraza a obra Bernarda, de Malasombra Producións, programada para este sábado.

 

  •  O Auditorio de Cedeira apraza ata novo aviso todas as actividades que ía desenvolver nos vindeiros 15 días.

 

  • Vigocultura anuncia a suspensión de todos os espectáculos ata novo aviso. Polo de agora, devolverá o importe das entradas dos espectáculos dos vindeiros 14 días: Jauría, O mel non caduca, Lambetadas e Y ahora ¿que?

 

  • Boiro apraza a función de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro, prevista para este venres día 13. A compañía anuncia, ademais, outras dúas funcións en Vigo e en Mondim de Basto.

 

  • O Concello de Santiago interrompe a actividade escénica de todos os seus espazos – Auditorio de Galicia e Teatro Principal– co fin de prever a saúde das e dos espectadores, incluídas as representacións previstas para hoxe. O peche terá lugar durante os próximos 15 días naturais a partir da data de hoxe, sen prexuízo das posibles prórrogas que se poidan acordar de aquí en diante polas autoridades sanitarias. Nas próximas horas tentarase en primeiro lugar adiar os eventos e actividades culturais afectadas. De non ser posible por cuestións de calendario e axenda, estas serán suspendidas. A modificación da data ou a suspensión serán comunicadas polas canles habituais.

 

  • A Rede Galega de Teatros e Auditorios, lembra as recomendacións emitidas dende a Xunta de Galicia fronte a situación do coronavirus e pídelle ao público que preste a máxima atención ás medidas e as súas posibles actualizacións, así como ás decisións que están a tomar os diferentes concellos ao respecto de eventos e actividades en espazos pechados.

 


Publicidade

  • O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras suspende todos os espectáculos e demais actos programados ata o 30 de marzo.

 

  • Pontevedra tamén anunciou a suspensión do Salón do Libro Infantil e Xuvenil e do resto de actividades impulsadas polo Concello como as Noites Abertas.

 

  • En Carballo, todas as actividades culturais quedan suspendidas. O Pazo da Cultura, as bibliotecas, a ludoteca, o Museo de Bergantiños e os centros sociais das parroquias permanecerán pechados ao público a partir do venres 13.

 

  • O Concello da Coruña apraza todos os espectáculos culturais desta fin de semana e dos vindeiros días.

 

  • A Asociación Cultural Papaventos suspende a XVII Mostra de Teatro Amador de Vedra – Teatrofilia 2020 como medida de prevención para evitar a transmisión do coronavirus. Dende a organización traballan co fin de poder celebrar a Mostra o vindeiro outono, se ben aínda non pode anunciar datas concretas. As persoas que xa mercaron o bono poden conservalo, porque será válido para as novas datas, ou proceder á súa devolución poñéndose en contacto coa Asociación.

 

  • A estrea de O premio, de La Quintana Teatro, prevista para hoxe, no Salón Teatro de Compostela, cancelada. O CDG tamén suspende toda a súa programación pública ata novo aviso.

 

  • As proxeccións de Eroski Paraíso, o filme, previstas en Esteiro para o 14 de marzo, en Vedra, o 22 de marzo, e en Lira, o 28, non se levarán a cabo.

 

  • O Concello de Ourense suspende todas as actividades municipais nas que participe unha colectividade de persoas. Inclúense aquí as actividades do Auditorio, tamén a función desta tarde de Si esto es un hombre, de Cámara Negra.

 

  • Unha noite na praia, o espectáculo protagonizado por Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán pospón as funcións previstas para esta fin de semana (13, 14 e 15 de marzo) no Teatro Colón, aos días 3, 4 e 5 de xullo. Todos os espectadores con entradas para esta fin de semana poderán decidir entre manter as súas localidades ou solicitar a devolución dos importes, a través do procedemento que establecerán as plataformas de venda de entradas nas próximas horas.

 

  • O espectáculo Jauría, de Teatro Kamikaze, que estaba previsto para hoxe no Auditorio de Galicia, en Compostela, vén de ser cancelado.

 

 

 

  • A Xunta vén de impoñer limitacións para a realización de actos con público: en espazos con máis de 50 persoas non se permitirá a asistencia de máis dun terzo do aforo. Isto afectará directamente aos espectáculos programados para as semanas próximas.

 

  • Afundación informa de varias cancelacións e aprazamentos de espectáculos programados para as próximas semanas: o especial X Aniversario das Noites de Retranca, con Quico Cadaval, Mofa e Befa e Celso Fernández Sanmartín programado en Pontevedra, ou espectáculos do St Petersburg Festival Ballet, adíanse até outubro. Outros como Mi lucha, de Antonia San Juan, aínda non teñen unha nova data sinalada. E aínda outros, como West Side Story, prevista para Vigo e A Coruña, suspéndense definitivamente. Ademais, Afundación suspendeu as funcións para escolares que tiña previstas nestas semanas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

conference |

Adiado ata outubro o I Congreso Internacional do Teatro Galego

teatropano |

Os profesionais da xestión cultural piden medidas extraordinarias para paliar os efectos económicos da epidemia no mundo da cultura