in

Colectivo Glovo convoca as residencias artísticas e de investigación Atopémonos bailando

Atopemonos bailando |

Colectivo Glovo, en colaboración co Concello de Lugo e co apoio da Agadic, vén de presentar as bases da convocatoria de residencias artísticas e de investigación Atopémonos Bailando, para profesionais de danza e artes do movemento, que se realizarán durante o ano 2022 na cidade.

Con Atopémonos Bailando o Concello de Lugo completa o apoio ao sector da danza e das artes do movemento facendo fincapé con este proxecto na primeira fase de investigación e/ou creación de espectáculos, xunto cos outros proxectos da cidade: o Festival Cartografía en Movemento e o Ciclo LED Lugo En Danza.

A convocatoria ten como obxectivo impulsar e apoiar a creación e investigación en danza e artes do movemento de compañías de ámbito galego, nacional e internacional, creando un espazo para a realización de residencias de creación e investigación, con especial atención ás creadoras de Galicia. Busca tamén difundir e achegar os procesos de creación en danza contemporánea á cidadanía a través dunha programación de calidade, diversa, innovadora, internacional e gratuíta,a través de programas de apertura de procesos de creación. Ademais, pretende crear un espazo de formación e práctica en danza contemporánea mediante a realización de obradoiros especializados para públicos xerais e/ou públicos profesionais, así como xerar colaboración e traballo en rede de axentes profesionais nacionais e internacionais mediante o intercambio de artistas e información de compañías.

As residencias van dirixidas a que profesionais da danza e artes do movemento, con sede en Portugal e España, presenten os seus proxectos para a realización dun máximo de 6 residencias artísticas e/ou de investigación (exclúense residencias técnicas) para ser realizadas entre os meses de maio e outubro de 2022 en Lugo.

O prazo de solicitude de propostas está aberto ata o 31 de marzo de 2022, e as residencias desenvolveranse entre o 1 de maio e o 30 de outubro de 2022, cunha duración dun mínimo de cinco días e un máximo de dez, no Museo Interactivo da Historia de Lugo, MIHL.


Publicidade

De ser seleccionada, artista ou compañía comprometerase a realizar a residencia no período acordado por ambas partes; realizar unha actividade de mediación: sesión aberta da residencia para a comunidade local e/ou comunidade artística de Galicia ou realizar un obradoiro (definido pola solicitante) ao finalizar a residencia; realizar unha memoria descritiva da residencia (cun máximo de 5 páxinas) e entregala nun prazo máximo de 1 mes desde a finalización da residencia; autorizar ao rexistro en vídeo e foto da residencia; incorporar os logotipos de Colectivo Glovo e Concello de Lugo na documentación que xere o proxecto así como compartir e etiquetar en redes sociais aos mesmos; así como respectar as instalacións e a contorna.

Pola súa banda, a convocatoria leva consigo o rexistro audiovisual da residencia e unha remuneración entre 700 e 1500 euros (IVE incluído) por residencia, dos que se realizará o pago do 50 % coa firma do contrato e entrega da factura correspondente antes do inicio da residencia e o segundo 50 % coa entrega da memoria e a factura correspondente. Todos os gastos das residencias correrán a cargo da persoa solicitante.

Para a resolución da convocatoria, nomearase unha comisión de valoración de proxectos formada por profesionais do sector. Resérvase aproximadamente un 50 % das residencias para solicitantes de Galicia e a resolución publicarase o día 29 de abril de 2022 na páxina web da convocatoria Atopémonos bailando e as súas redes sociais.

Bases convocatoria Atopémonos bailando

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Ningún hombre me llevará a la cumbre' de Celeste González. Foto de Nerea Coll.

Corpos, Xénero e Sexualidade programa a Celeste González este sábado na Coruña

Talia teatro |

Talía Teatro estrea ‘Morte accidental dun anarquista’