in ,

Grande acollida de ‘Shakespeare en Roma’, do CDG, no Festival de Mérida

Hoxe farán unha segunda función no Teatro Romano

Shakespeare en Roma Jero Morales 2
'Sakespeare en Roma' no Teatro Romano de Mérida | Foto de Jero Morales

O Centro Dramático Galego está a participar por vez primeira no Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, ao representar onte e hoxe nel dúas funcións dunha das súas producións propias máis recentes: Shakespeare en Roma. O espectáculo chegaba ao Teatro Romano de Mérida cunha grande expectación, ao converterse nun dos espectáculos con maior éxito de venda de entradas anticipadas dos últimos anos no festival, e obtivo onte na súa primeira función unha grande acollida e moi boa resposta por parte do público asistente, tal e como recolleron dende o propio festival.

Hoxe, ás 22:45 horas, poderá verse a segunda destas funcións especiais de Shakespeare en Roma, co texto traducido do galego ao castelán por Rosa Moledo para a súa presentación en Mérida, e adaptado ao escenario do Teatro Romano, para o que se realizaron ensaios específicos; logo da súa montaxe e representación orixinal en galego no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, no que estivo en cartel dende febreiro ata abril deste ano, tamén con grande éxito de afluencia.

O elenco de Shakespeare en Roma dá vida ao longo da montaxe aos 47 personaxes das catro pezas que conforman o espectáculo: Coriolano, dirixido por Rui Madeira e con dramaturxia do autor ucraíno Volodymyr Snegurchenko; Xulio César, dirixido por María Barcala e Xúlio Lago, con dramaturxia de Ana Carreira; Antonio e Cleopatra, baixo a dirección de Sara Rey, a partir da dramaturxia de Ana Abad de Larriva; e Tito Andrónico, dirixida por Quico Cadaval a partir da dramaturxia de Lorena Conde. Xosé Lois Romero asina o espazo sonoro; Juanjo Amado a iluminación e Saturna o deseño de vestiario.

A Xunta afianza así a proxección exterior da súa unidade de produción teatral, que reúne neste espectáculo as catro pezas escritas polo dramaturgo inglés ambientadas na época romana. Co desembarco de Shakespeare en Roma no Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades amplía as vías de colaboración e intercambio con entidades e estruturas teatrais doutros territorios a través do Centro Dramático Galego.

“Teatro que sabe a gloria bendita”

Alberto Santacruz, da Axencia EFE, escribiu o seguinte arredor de Shakespeare en Roma, logo da  súa función de onte en Mérida:

“Cando un asiste a unha obra de teatro que realmente son catro, que cada unha delas ten a súa propia dirección e dramaturxia, que oito actores e actrices dan vida a 47 personaxes, e todo sae á  perfección, o teatro sabe a gloria bendita, máis aínda cando a epístola leva o selo de Shakespeare.

As tres actrices e os cinco actores que esta noite puxeron en escena Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico, obras escritas polo dramaturgo inglés entre 1594 e 1608, deron unha lección carnal, espiritual e profesional do que significa este amor por un dos piares das belas artes.


Publicidade

Os seus nomes: Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Fran Peleteiro, Keka Losada, Marcos Orsi, Rebeca Montero, Santi Romay e Toni Salgado. O seu desgaste é brutal. Cadencia, xesticulación, exposición, movemento, cambios rápidos de vestiario, interpretación… táboas, en definitiva, impregnaron os versículos teatrais do espectáculo Shakespeare en Roma, unha proposta do Centro Dramático Galego enmarcada no Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida. Sen pausas nin sermóns que guíen o espectador para enlazar as catro obras nunha, os oito actores deron o mellor de si para darlle aos espectadores toda unha lección maxistral de  por que un decide subir a un escenario.

No son retallos nin tampouco entremeses dramáticos. É Shakespeare en estado puro cuñado pola dirección de Rui Madeira, María Barcala e Xúlio Lago, Sara Rey e Quico Cadaval, e Volodymir Snegurchemko — ucraíno refuxiado en Portugal— , Ana Carreira, Ana Abad de Larriva e Lorena Conde nas dramaturxias.

A pesar deste totum revolutum, cada obra ten o seu espazo, o seu momento e a súa posta en escena, e todas elas serven para dicirlle aos fregueses que as miserias humanas, as loitas polo poder e as guerras son intrínsecas ao ser humano.

A través de personaxes como Cayo Marcio Coriolano, Agripa e Cominio, denúnciase a utilización da voz do pobo para alcanzar intereses particulares, que a hipocrisía do poder segue vixente e que non é bo que o dito poder recaia nunhas soas mans. Que César non pode ser león se non ten ovellas baixo o seu mando, que os designios dos deuses non poden estar por riba da vontade dos homes e que mal camiño levan quen prefiren seguir a un líder aínda que iso supoña a súa escravitude, como elevan Octavio e Bruto. Que a paixón, como a de Antonio e Cleopatra, é forza de vida, pero tamén pode ser un obstáculo ou ata unha perdición, e que a violencia de Tito Andrónico só xera máis violencia. A todo iso sumouse por uns momentos unha fina chuvia, como se os deuses chorasen ao ver tanto acto atroz”.

De Istambul a Almagro

A esta participación no Festival de Mérida únese a presenza da unidade de produción teatral da Xunta noutros encontros internacionais como o Maltepe en Istambul, o do Alentejo en Portugal ou o de Almagro en 2021 e 2022, ano no que Galicia foi a comunidade convidada e participou a través das coproducións Arte sen guión, La Toffanna e A barca do inferno.

Nesta mesma liña, súmase a implicación en proxectos europeos como Phōnē, iniciativa na que participan entidades escénicas de Irlanda, Francia, Italia, Romanía, Alemaña, Noruega e os Países Baixos e marco do que sairá a vindeira produción do Centro Dramático Galego. Este espectáculo, co que a unidade teatral da Xunta conmemorará en 2024 o seu 40 aniversario, estará dirixida por Tamara Canosa e reunirá en escena os 20 intérpretes que resultarán do proceso de selección en curso.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cris Vilariño e Diego M. Buceta

O Centro Coreográfico Galego coproducirá tres novas pezas de danza

'MENU-DO DÍA', na MITCF de Cangas, Imaxe de Corsino.

MENU-DO DÍA