A Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, impulsan o ciclo de conversas Entre formas e palabras que xira arredor da temática da danza e que celebrará o vindeiro 26 de xuño ás 18:00 h na Cidade da Cultura de Galicia o seu segundo encontro titulado A arte de narrar o movemento.
Participarán a xornalista e crítica de danza Mercedes L. Caballero e o dramaturgo e director de escena Afonso Becerra de Becerreá. O showcase nesta ocasión será a cargo da bailarina, actriz, directora escénica e xestora cultural Marta Alonso Tejada. A conversa estará conducida pola bailarina, coreógrafa e xestora cultural Paula Quintas. Mercedes L. Caballero, xornalista e crítica de danza no xornal El País e na Revista Godot, ademais de escritora e profesora. Estará acompañada por Afonso Becerra de Becerreá, dramaturgo, director de escena, docente e investigador, ademais de director de Erregueté, Revista Galega de Teatro. A inscrición é gratuíta ata completar capacidade e está dispoñible a través da web www.paideia.es.
As seguintes sesións celebraranse de agosto a outubro en diferentes localidades galegas: Tecendo redes (2 de agosto no Festival Danza no Claustro, en Xunqueira de Espadanedo), Danza sen fronteiras: un diálogo entre estilos (18 de setembro, Lugo), Da idea ao escenario: creación (3 de outubro no Festival 6 coreógrafas, na Estrada) e A danza no ollar do cine (24 de outubro na Filmoteca de Galicia, na Coruña).

As novas linguaxes nas artes do movemento
O primeiro encontro do ciclo Entre formas e palabras versou sobre As novas linguaxes nas artes do movemento e celebrouse o pasado 13 de maio na sede da Fundación Paideia Galiza na Coruña. Participaron o danzaor e coreógrafo Jesús Carmona e o bailarín e creador Daniel Rodríguez e contou co showcase de Julia Laport, coreógrafa e codirectora de Elahood. As sesións combinan relatorios con actuacións ao vivo, e celebraranse ata o vindeiro mes de outubro en diferentes localidades galegas co obxectivo de favorecer o intercambio, o debate e a reflexión arredor do papel dos/as profesionais da danza en Galicia e das novas tendencias do sector. Ao mesmo tempo, búscase poñer en valor o papel dos/as creadores/as como axentes clave da industria cultural, favorecendo a creación de contextos que impulsen a profesionalización e a proxección dos proxectos emerxentes. Tamén se pretende fomentar a conexión con outros territorios, promovendo redes de colaboración con artistas e compañías de fóra de Galicia.

Aposta polo sector da danza da Fundación Paideia Galiza
A Fundación Paideia Galiza aposta polo desenvolvemento de proxectos emprendedores no ámbito da cultura. Dende o 2016, promove iniciativas de formación e divulgación do talento emerxente no ámbito da música e neste 2025, decidiu ampliar os seus programas para incluír a danza dentro das súas accións formativas e de divulgación.
Ademais da posta en marcha deste ciclo de conferencias, o pasado mes de marzo deu comezo o Programa Formativo de Emprendemento para Artistas da Danza e Artes en Movemento en colaboración coa Escuela de Organización Industrial – EOI, no que participan unha vintena de emprendedores do sector. O obxectivo deste programa é formar e capacitar artistas do mundo da danza, promovendo a súa competitividade e incrementando as posibilidades de éxito dos proxectos en fase temperá de desenvolvemento.

Sobre a Fundación Paideia Galiza
A Fundación Paideia Galiza é unha organización galega creada en abril de 1986. A súa misión é “provocar cambios sociais que favorezan a igualdade de oportunidades, creando espazos de formación e reflexión, e as condicións necesarias para o desenvolvemento integral das persoas”.
