O CDG celebra as Letras Galegas con 3 montaxes de Redrum, o ciclo Teatro Ob-sceno e unha xornada de portas abertas

A compañía pública amosará as dependencias da súa sede en Santiago a través de visitas guiadas e de accións escénicas nos camerinos, nas oficinas e na biblioteca.

 

O Centro Dramático Galego (CDG) ten preparado un intenso programa de actividades durante esta semana para conmemorar o Día das Letras Galegas na súa sede do Salón Teatro de Santiago. Esta carteleira inclúe os espectáculos de Redrum Teatro A nena que quería navegar, Contos do recreo e Invisibles, este último realizado en coprodución coa compañía da Xunta, que para o propio día 17 organizou, así mesmo, unha xornada de portas abertas e o inicio dunha nova edición do ciclo Teatro Ob-sceno.

A denuncia social é o común denominador das tres montaxes coas que Redrum Teatro se presenta desde hoxe e ata o domingo en Santiago. Tanto en A nena que quería navegar como en Contos de recreo, o obxectivo é reforzar a autoestima do alumnado fronte ao acoso escolar. Con este fin, programáronse tres pases matinais concertados con centros escolares.

Álex Sampayo é o director de ambas as pezas, mentres que Marián Bañobre se puxo á fronte de Invisibles. O espectáculo, que se representa o sábado 18 ás 20,30 h. e o domingo 19 ás 18,00 h., aborda e denuncia a lacra da violencia de xénero a partir dos sete testemuños reais recollidos no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo.

Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez danlle voz en escena a estas mulleres nunha proposta na que, a partir da invisibilidade do maltrato e da posible inconsciencia das vítimas, as historias van saíndo á luz e confrontando ao público coa finalidade de facer saltar as alarmas e provocar reaccións.

 

O teatro por dentro

Ademais, como en anos anteriores, o CDG súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha nova entrega do seu programa de portas abertas Qué se agocha tras o pano?, que desta volta acompáñase dunha cita de Antón Fraguas, autor homenaxeado en 2019: “Para facer o pan había que moer o millo”.

A través de tres quendas de visitas guiadas (ás 10:30, 12:00 e 13:30 h.), o público terá a oportunidade de coñecer o funcionamento do teatro por dentro. A asistencia é gratuíta, previa reserva nos teléfonos 881 867 229 / 226 ou no enderezo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal.

O punto de encontro será o exterior do Salón Teatro, no número 34 da rúa Nova de Santiago, onde os asistentes apreciarán a evolución do edificio, desde a súa primeira reconstrución en 1919 como salón cinematográfico ata a adquisición do inmoble pola Xunta de Galicia e as derradeiras reformas a finais dos anos noventa do século pasado, que o levaron á súa recuperación como espazo escénico. Os grupos, dun máximo de 10 persoas, percorrerán tamén estancias como os camerinos, a lavandaría ou a xastraría, ademais de acceder a espazos máis técnicos do teatro.

 

Accións en espazos diferentes

Parte destas dependencias abriranse igualmente para a terceira edición do ciclo Teatro Ob-sceno. Desta volta, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollerán do venres 17 ao domingo 19 as pezas Váter de Sal do Teatro, Margarita de Teatro En Punto e Sorpresa de Enconarte. Nas tres sesións, programadas ás 19:00 h. o venres e sábado e ás 20:30 h. o domingo, o público irá percorrendo as devanditas estancias para gozar dunha peza en cada unha delas.

O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio coas propostas Alicia morreu de sobredose de Rinoceronte Teatro, Sofía de Inversa Teatro e Pulso de Teatro En-Trance.

 

Deixar unha resposta