in

O programa “A escena!” de Compostela programa 27 espectáculos este semestre

Montacargas02 |
A concelleira de Acción Cultural do concello de Santiago, Mercedes Rosón, presentou onte o programa “Á escena! Temporada de artes escénicas 2020”, que recolle 27 espectáculos de teatro, danza e circo para o primeiro semestre deste ano. Serán un total de 36 funcións que se desenvolverán no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal dende o 16 de xaneiro ata o 4 de xuño. | Foto: Rosinha Rojo / MIT Ribadavia |

 

O programa faise en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC-Xunta de Galicia e cos programas Platea e Danza a Escena do INAEM-Ministerio de Cultura, ademais de co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. Por iso, na rolda participaron tamén, ademais da concelleira e do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e o deputado provincial da Coruña, Xosé Luís Penas.

Dentro dos espectáculos haberá tres estreas absolutas: O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro; Spotlight, de Can Cun Quinqué; e O mozo da última fila, de Redrum Teatro. Participaron na presentación tamén representantes das tres compañías así como representantes de O Montacargas, espectáculo de Ainé Producións & Acusmaser Opus, co que se estrea esta temporada hoxe mesmo e o venres de novo, no Teatro Principal.

Os espectáculos están clasificados nas seguintes liñas temáticas: EscenaGZ, Territorio das Mulleres e Clásicos? Entre eles atopamos desde a diversa abordaxe que nos mostran de Shakespeare dende a comedia física do Hamlet de Chapitô –o 24 de abril–, pasando pola aposta polo grande formato de PT Excéntricas co seu Medida x Medida –o 21 e 22 de febreiro–, ata a proposta máis “clásica” do Macbeth. O ruído e a furia de Estudo Momento –o 15 e 16 de maio–.

Outra das ligazóns mostra un interese polas temáticas que teñen a opresión da muller como protagonista, dende a violencia máis absoluta das propostas de Teatro do Atlántico con A conquista da escola de Madhubai (o 7 e 8 de maio) e El Pavón Teatro Kamikaze con Jauría (o 12 de marzo), ata a falta de liberdade e opresión silenciosa en contextos pechados, familiares, de cotío que nos propoñen Liberto, de Marelas Producións, o 2 e 3 de abril; Ana, también a nosotros nos llevará el olvido, de Unahoramenos –o 13 de febreiro–, ou Mrs.Dalloway, de Entrecajas, o 22 de maio.

O Leira de Nova Galega de Danza (14 de maio) dialoga co Erritu de Kukai Dantza (4 de xuño), unha oportunidade de ouro para poder contrastar como as danzas tradicionais e populares dialogaron coa danza contemporánea en Galicia e no País Vasco. E a relación da música e o movemento está presente en Directo9, de Pisando Ovos (25 de abril), e Mercedes mais eu, de Janet Novás e Mercedes Peón (23 de abril), dúas reflexións sobre a música, os corpos e a creación dende a vangarda absoluta feita en Galicia.

As estreas absolutas serán as de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro, o 31 de xaneiro e 1 de febreiro; Spotlight, de Can Cun Quinqué, o 5 de marzo; e O mozo da última fila, de Redrum Teatro, o 16 e 17 de abril; a estas hai que sumar a estrea en Galicia de Deje su mensaje después de la señal, de Tanttaka Teatroa, o 18 de abril. Poderase ver tamén O Montacargas, de Ainé Producións e Acusmaser Opus, 16 e 17 de xaneiro; O electo, de Contraproducións, o 23 e 24 de xaneiro; ou o Falar por falar de Volta e Dálle, o 27 e 28 de febreiro. José Sacristán chegará a Compostela o 6 de marzo co seu Señora de rojo sobre fondo gris, de Miguel Delibes; Aitana Sánchez Gijón con Juana da man do Teatro Español e Losdedae, o 28 de marzo; e Matarile Teatro presentará o seu Daimon y la jodida lógica o 14 de marzo.


Publicidade

Ademais, únense outros cinco espectáculos enmarcados tamén no programa En Familia e dirixidos a todos os públicos: o Concerto con fusión de Píscore coa Banda Municipal de Música, o 15 de febreiro; , de Xampatito Pato, o 7 de marzo; a Gran Gala do Circo de Compostela, o 29 de marzo; Lar (la casa, el hogar), de Lasal Teatro, o 23 de maio; e Emportats, de La Trócola Circ, o 30 de maio.

 

Xa á venda

As entradas para todos os espectáculos están xa á venda na web compostelacultura.gal, así como no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de martes a sábado + días de evento de 18:00 a 21:00, ou dende 1 hora e media antes de que comece o espectáculo) e no do Auditorio de Galicia (dende 1 hora e media antes de que comece a función). O prezo das entradas é de 10, 12 ou 14 € (cos descontos habituais do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, menores de 25 anos, estudantes e membros de familias monoparentais ou numerosas). Para os 5 espectáculos que se enmarcan dentro da programación infantil e familiar, o prezo será de 4 euros a entrada xeral, existindo un Bono familiar mediante o cal se adquiren 4 entradas a 12 euros.

 

#posfunción no Club C!
O Club C! é unha proposta de actividades para se achegar de xeito diverso aos contidos das actividades culturais compostelás. Comprende actividades que buscan coñecer mellor as propostas artísticas que nos ofrece a programación cultural municipal e deste xeito afondar na experiencia como espectadores culturais. Aquí atopamos ata 13 #posfunción nas que, unha vez cae o pano, membros da equipa técnica e artística debaten co público sobre o espectáculo e a súa temática.

 

Xurado Novo Á escena!
Este ano, o Departamento de Cultura de Compostela, xestionado dende o Auditorio de Galicia, pon en marcha por primeira vez o Xurado Novo Á escena!, experiencia que xa se celebrou dúas veces no festival Cineuropa. O obxectivo é achegar ao público máis novo ao teatro e fomentar o seu espírito crítico. Así, un grupo de mozos e mozas de ata 30 anos asistirán ás diversas funcións e participarán nas posfuncións para despois debater entre eles e elas e conformar un palmarés simbólico que se fará público ao final de temporada.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Liberto03 |

Carballo propón 8 obras de teatro e 2 concertos para este trimestre

CarabelaGaleteatro01 |

Galeatro estrea ‘Carabela’ en Carballo