in

Comeza o Festival de Títeres de Redondela

AngelesDeTrapoError404 |
Todas as localidades para as funcións de sala están vendidas, ao igual que as de rúa, que por primeira vez e debido á COVID-19, foron necesarias para controlar os aforos.

 

O Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) arranca este martes coa súa edición máis especial e con todas as entradas esgotadas, tanto para sala como para a rúa, que por primeira vez na historia do Festival tamén saíron á venda para garantir o control de aforos derivado da COVID-19.

O pistoletazo de saída darao a compañía galega Eme2, que representará no Multiúsos da Xunqueira o espectáculo de títeres de mesa Contacreques ás 20:00. Un espectáculo poético, divertido, áxil e desenfadado dirixido ao público familiar, baseado en tres contos clásicos: ‘O Reiseñor’, ‘Garavanciño’ e ‘O Zapateiro e os trasnos’.

Publicidade

A programación de sala continuará o mércores con Error 404 unha proposta de teatro de actor e varias técnicas da compañía andaluza Ángeles de Trapo ás 20:00 Un espectáculo sen palabras dirixido á mocidade e a unha sociedade cada vez máis dependente das novas tecnoloxías, que convida a reflexionar sobre o valor da vida e as marabillas que esta nos ofrece. Unha obra galardoada no Festival World Puppet Carnival de Rusia, no Festival de Teatro de Títeres de Albania e no Festival de Títeres de Torun, en Polonia.

Xa o xoves, os protagonistas do Multiúsos serán os madrileños de Cazando Gamusinos, que escenificarán ás 20: Ay pera, perita, pera!, unha montaxe baseada na historia de Tomasa, que leva máis de 40 anos rexentando un posto no mercado de abastos da súa cidade. O mercado é a súa casa, ademais encántalle a radio, e sempre ten sintonizada algunha emisora de copla ou chotis, as súas músicas favoritas. Tamén lle acompaña unha moza, María, que lle axuda a cargar as caixas e a lembrarlle todo aquilo que Tomasa esquece.

Os galegos de Cinema Sticado converterán o Auditorio da Xunqueira nun plató de cine o venres ás 21:00, cunha montaxe de teatro de actor, manipulación de monicreques e obxectos e música, que comporán á vista do público unha película en directo: Pyka

Como unha homenaxe á sétima arte presentará o sábado ás 21:00 a arxentina Valeria Guglietti o seu novo espectáculo, Sombra de cine. Unha proposta de teatro de sombras chinesas proxectadas coas mans á vista do público, que presenta escenas ou personaxes da historia do cine que pertencen á memoria colectiva dos espectadores.

E xa o domingo ás 20:00, os redondeláns de Tanxarina Títeres pecharán a programación de sala con A Galiña Azul, un espectáculo baseado na obra de Carlos Casares que fala da diversidade e da solidariedade, no que empregan diversas técnicas de manipulación de bonecos, traballo actoral, música e cancións, que lle valeu o Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil e o Premio FETEN ao Mellor espectáculo de Títeres no 2018.

 

Títeres na rúa dende o xoves

A programación de rúa comezará o xoves, co Titiricircus de Tanxarina e Caperucita Roja dos madrileños de Tropos Teatro, e se estenderá durante toda a fin de semana con máis de 22 representacións teatrais e musicais a cargo de compañías como Le Guignol Ortopédique, Mutis Teatro, Mircromina Títeres, Trécola Marionetas ou Títeres Cascanueces, entre outras.

Todos os recintos estarán acotados e só poderán acceder e ver os espectáculos aquelas persoas que dispoñan de entrada. Os asentos estarán asignados segundo a numeración dos billetes, coa necesaria separación entre núcleos familiares e obrigatoriedade de uso de máscara. Á entrada será imprescindible o uso de xel e control de temperatura por parte da organización.

Publicidade

 

Camisetas e chapas

Malia que a venda de entradas rematara na semana anterior á celebración do Festival para evitar aglomeracións, as camisolas co personaxe deste ano e as tradicionais chapas continuarán á venda durante todo o Festival. O martes, mércores, xoves e venres, poderanse adquirir nos exteriores do Multiúsos da Xunqueira de 17:00 a 20:00, e durante a fin de semana o horario ampliarase de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ArlequinaKukas |

Os escaparates de Redondela mostran unha exposición sobre Os monicreques de Kukas

A Creación de Miguel Anxo

Coisas de criações, pandemias e políticas públicas