in

A área de Cultura da Deputación da Coruña incrementa o orzamento destinado ás artes ao vivo

Rede Cultural Coruña
Deputación da Coruña

Compañías, artistas e agrupacións terán ata o vindeiro 26 de febreiro para inscribirse no catálogo do circuíto cultural.

 

A área de Cultura da Deputación da Coruña abre a convocatoria para unha nova edición da Rede Cultural con novidades que adaptan as bases á situación de crise provocada pola pandemia da COVID-19. Entre outras, contempla un incremento de arredor de 300.000 € para o sector profesional nun orzamento que pasa a 1.900.000 €.

Compañías, artistas, empresas de distribución audiovisual ou agrupacións terán ata o día 26 de febreiro para inscribirse no catálogo da nova edición da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que publicou o 11 de febreiro as súas bases modificadas para axustarse á situación sanitaria actual e á necesidade de contribuír á recuperación do sector que atravesa unha importante crise debido ao confinamento e á cancelación de espectáculos ao vivo.

Incremento no orzamento

Neste sentido, a nova edición do circuíto cultural da Deputación da Coruña contempla un importante incremento para o sector profesional ao que se destina case a totalidade do orzamento, con 300.000 € máis para contratacións que na edición anterior. De igual maneira que na pasada convocatoria, a área de Cultura da Deputación da Coruña prolonga o período de actuacións que pasa a rematar o 31 de marzo do 2022, para posibilitar a execución das programacións ao completo.

“A Rede Cultural da Deputación da Coruña é o máis sólido circuíto no territorio e, como non podería ser doutro xeito, nesta nova edición, convocada xa na pandemia, quixemos adaptar as bases á nova situación provocada pola COVID-19, ampliando o tempo de programación e reforzando de maneira especial o orzamento destinado a cultura profesional nun momento de especial relevancia para o mantemento das empresas e o emprego no sector”, anota o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

A Rede Cultural inclúe este ano as categorías profesionais de “Escena ao Vivo!” de espectáculos de teatro, monicreques, maxia, danza e música; “Visións” de cinema e contidos audiovisuais; e “Lingua a escena!”, destinada á promoción do galego a través da cultura.


Publicidade

Para Xurxo Couto, a Rede Cultural suporá, “un incremento importante no nivel de contratación do sector xa que, aos case dous millóns a achega da Deputación súmase o orzamento que vén dos concellos nun programa que permite que a cultura chegue ao vivo á totalidade do territorio da provincia, converténdose nunha ferramenta de especial valor na promoción e difusión da cultura en todas as súas expresións”.

Ao respecto, destaca o esforzo da institución para ampliar o programa que pasou dun orzamento de 956.932 € no ano 2014 aos 1.900.000€ que se destinarán en 2021. As bases da convocatoria contemplan tamén a adecuación das actividades aos protocolos sanitarios de cada momento, ademais doutras normas de boas prácticas na xestión cultural.

A Rede Cultural busca desta maneira garantir unha oferta cultural diversificada e de calidade nos municipios da provincia, favorecendo a capacidade dos concellos da provincia para desenvolver programacións culturais para os seus veciños e veciñas.

A primeira fase de inscrición de espectáculos estará aberta ata o día 26 de febreiro e os concellos terán desde o 5 ao 20 de abril para solicitar participar no programa coa escolla das distintas propostas. A resolución de adxudicación realizarase antes do 30 de abril de 2021. A Deputación da Coruña achega o 75% do orzamento para concellos de menos de 5.000 habitantes, o 60% para os que non chegan a 10.000; 50% para os que van até 20.000; o 40% para o tramo que chega a 50.000 e un 30% para os concellos de máis dese número de habitantes.

 

Bases reguladoras da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña e convocatoria para 2021

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ana Beatriz Pérez

Ana Beatriz Pérez estreará unha peza online xunto a Hedwig Dances

Kirenia Danza

Aberta a convocatoria para as novas coproducións do Centro Coreográfico Galego