A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade abre o prazo ata o 3 de marzo para a selección de proxectos para a contratación, en réxime de coprodución, de tres espectáculos de danza en calquera das súas modalidades.
Esta contratación é parte do programa de coproducións de espectáculos que a AGADIC desenvolve a través do Centro Coreográfico Galego co obxectivo de favorecer a produción neste ámbito artístico, impulsar a creación de espectadores para a danza, consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno e, en definitiva, buscar a excelencia nos produtos culturais galegos.
O prazo de presentación está aberto ata o 3 de marzo de 2021 (20 días naturáis dende a publicación das bases o 12 de febreiro). Poderán presentar os seus proxectos as persoas, físicas ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción escénica, que desenvolvan maioritariamente súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan exceptuadas as asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.
A participación neste proceso é compatible con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, pero incompatible con outras convocadas pola AGADIC ou a Consellería de Cultura
O Centro Coreográfico Galego (CCG) é un centro adscrito á AGADIC, que ten como obxectivo o apoio á creación artística, á investigación e á formación dos profesionais da danza, a descentralización de accións e tender pontes entre proxectos e institucións e a achega ao encontro da danza con outras disciplinas artísticas. Con este procedemento preténdese impulsar estes obxectivos, mediante a convocatoria a todo o sector para que presenten proxectos innovadores no eido de danza artística co compromiso de formalizar, coas entidades seleccionadas pola comisión técnica profesional que para o efecto se constituirá, os correspondentes contratos de coprodución dos proxectos seleccionados.
- Sete persoas e entidades foron distinguidas nos IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas - 07/07/2026
- Moaña acolle a primeira edición do Festival Internacional das Culturas Mar da Illa de Samertolameu - 03/07/2026
- O Convento de Santa Clara acolle a Bienal de Artes Vivas de Pontevedra - 03/07/2026



