in

32m²

32m2 ButacaZero
Fotografía de Serxo González

O poder dunha hiberNación popular

 

Un ano despois de que comezase o confinamento, ButacaZero estrea 32m². Unha comedia popular moi recoñecible para todos e todas e que, persoalmente, me lembra ás exitosas sitcoms da TVG de mediados dos noventa, esas series na que a trama non era complexa pero si agradecida para botar un bo rato e desfrutar en familia. Porque en familia (ou en parella) fomos moitos os que vivimos a absurdeza dun cativerio que puxo en crise as nosas contradicións, filias, odios e mesmo a nosa identidade. O mesmo lles ocorre a Mar e Xan, interpretados por Nuria Gullón e Xurxo Cortázar. Aínda que no cartaz os seus nomes aparezan en pequeno, cabe sinalar a grandeza do seu xogo escénico, de como nos fan rir e da enerxía coa que sustentan o xirar do seu día a día.

A obra, escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida xunto co seu inseparable socio teatral, Xavier Castiñeira, axúdase dos clixés para levarnos ao riso. O público vese reflectido nos personaxes e situacións vividas porque a obra funciona coma un diario de cativerio. Fai que recordemos que nun ano pasaron demasiadas cousas: podemos ver a ledicia (despois cansazo) de saber que non hai que ir a traballar, os eternos días en pixama, os aplausos ás oito, as caceroladas ás nove, a Simón na televisión, a falta de papel hixiénico, a desorde e a orde, os hobbies esquecidos, a desinfección constante… Pero esta obra non só fala diso, senón que cuestiona a falta de liberdade total dun sistema imposto: o capitalismo voraz, pagar (ou non) o aluguer, as leis que tardan anos en mudar ou actualizarse, e mesmo a dependencia do teléfono móbil ou da televisión.

A parella de actores flúe por trapelas, chanzos, escaleiras, ocos e módulos que semellan representar unha pequena vivenda. Unha escenografía xiratoria e motorizada deseñada por Beatriz de Vega, creadora de espazos cada vez máis imprescindible no noso teatro, xa non só pola súa forma de entender o xogo escénico e as súas posibilidades, senón pola súa sensibilidade no deseño de iluminación e no traballo en equipo.

Cómpre destacar a fermosa banda sonora de Rodrigo Cuevas que, como xa fixo en comedias coma Sidra en vena, está composta en exclusiva para esta montaxe. A unión do folk co pop electrónico axúdanos a facer máis galegos a Mar e Xan, a saber que hai algo máis aló da súa hiberNación.


Publicidade

A peza afástase doutras obras de ButacaZero e fai que se dilúa o selo e linguaxes da compañía. Como espectador, coido que desfruto máis de montaxes como Voaxa e Carmín, Camiños ou Despois das Ondas, xa non só polo discurso, senón por tentar conxugar fórmulas máis populares pero sen deixarse levar en exceso polo clixé.

A proposta adoece, baixo a miña visión, de non ter máis presente o verdadeiro drama desta pandemia: o alto número de vítimas. Porque 32m² tan só deixa asexar a dor da morte co pasamento da tía Conchita, unha licencia dramática que se subliña ao final da obra; e iso pode facer que a peza pareza trivial, aínda que non o sexa.

Hai algo mellor que o riso da comedia para depurar as traxedias e facelas máis aturables? Sería pertinente o poder do humor negro nestes tempos? Quen sabe. Carrodeguas ten boa man para darlle a volta ao dramático e convertelo nunha catarse cómica. Sería fermoso ver o seu ton máis negro e rir con el.

32m² de ButacaZero fai que o público goce coas absurdezas, coas contradicións e coas ansias de liberdade que a pandemia trouxo consigo. Un canto á liberdade máis urbanita que fará rir a máis de un, pero tamén cuestionarse o ritmo e derroteiros da súa vida.

En escena: Nuria Gullón e Xurxo Cortázar
Texto: Esther F. Carrodeguas
Dirección: Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira
Música orixinal: Rodrigo Cuevas
Escenografía e luz: Beatriz de Vega
Construción: José Faro ‘Coti’
Vestiario: Alicia Root
Axudante de dirección: Anxo Outumuro
Produción e distribución: Esther F. Carrodeguas
Apoio: AGADIC/Xunta de Galicia
Colaboración especial: GADIS e Reizentolo

Estrea no Auditorio do Concello de Vigo.13 de marzo de 2021.

Avatar

Javier Lojo

Director de escena, xornalista e marketing dixital. Membro da erregueté e das compañías Señora Supina e Feira do Leste. Na actualidade, coordina o proxecto editorial Á Feira de textos teatrais e novas dramaturxias.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

COVID-19

Diversas entidades culturais demandan a reapertura do Auditorio de Ourense

Home

Home: A Place Within