in , ,

O festival de danza e artes do movemento Abanea celebra a súa quinta edición

O programa leva 15 espectáculos e outras actividades de mediación a diferentes lugares da xeografía galega

'Triade' de Colectivo Glovo. Foto José Jordán. Eva Mañez
'Trïade' de Colectivo Glovo, que se poderá ver o 11 de xullo no festival Abanea. Foto: José Jordán e Eva Mañez.

De xeito itinerante en distintos espazos dos concellos de Ames, Outes, A Guarda, Foz e Celanova, cun programa de 15 espectáculos de creación contemporánea, arrancou onte a quinta edición do Festival de Danza e de Movemento Abanea.

O festival, que se desenvolverá ata o vindeiro domingo, 12 de xullo, está dirixido por Marta Alonso Tejada e Paula Quintas e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, e coa colaboración dos Concellos implicados. Abanea busca levar a danza contemporánea e outras linguaxes híbridas dentro das artes do movemento a espazos públicos e non convencionais, transformando así prazas, praias, parques e espazos patrimoniais en escenarios para a creación escénica. Nesta edición, o encontro reunirá 11 compañías e artistas procedentes de Galicia, Madrid, Cataluña, Francia, Eslovenia e Chile, nunha programación que combina exhibición, mediación, acompañamento á creación e encontro profesional.

Intégrase tamén dentro da campaña Para gustos, cultura, posta en marcha este verán polo Goberno galego con 3.600 citas de 40 tipoloxías culturais en máis de 200 localidades.

Localizacións

A quinta edición de Abanea inaugurouse onte en Bertamiráns, en Ames (A Coruña). Hoxe continuará en Broña, en Outes (A Coruña). Mañá trasladarase á Guarda (Pontevedra). O sábado viaxará a Foz (Lugo), e o domingo, día 12, clausurarase en Celanova (Ourense).

A programación inclúe propostas de OUPS Dance Company, Tjaša Bucik & Patricija Crnkovič, Rolando Salamé, Ángel Durán, Alejandro Moya, Elvi Balboa, Colectivo Glovo, Andrea Castro, Martín Blanco, Artístika Movemento, Ay, Cariño! e Raquel Ferradás & María de Vicente.

Todas as xornadas incorporarán accións de mediación e rematarán coa Pista de Baile, un espazo aberto de danza comunitaria pensado para favorecer a participación da cidadanía.

Creación

Esta edición do festival reforzou tamén EnRede, a liña de acompañamento artístico de Abanea, a través da que o festival impulsa residencias, apoio á creación, espazos de intercambio e visibilización de novas creadoras e creadores. Neste marco, Andrea Castro presentará a evolución de Lola e os lamentos, peza nacida no contexto do festival e seleccionada posteriormente pola Red Acieloabierto, mentres que Martín Blanco se incorporou ao programa coa presentación de Máis, unha primeira creación desenvolvida en residencia artística co apoio de Abanea.

Ademais, a través de Abanea Canle, reforzará a vertente documental para recoller procesos, conversas, encontros e memoria do festival mediante pezas audiovisuais, co obxectivo de prolongar a vida do proxecto máis alá dos días de programación e contribuír á difusión da danza contemporánea en Galicia.

II Foro de Internacionalización da Danza

En paralelo á programación do festival, a Agadic organizou, a través do Centro Coreográfico Galego, o II Foro sobre Distribución Nacional e Internacional da Danza de Galicia. A actividade inaugurouse onte en Ames e continuará hoxe en Outes, coordinada por ISMO Cultura co apoio da asociación profesional Escena Galega.

O foro busca fortalecer a proxección exterior da danza galega mediante o encontro con programadores, responsables de festivais, redes de distribución e medios especializados. A proposta inclúe mesas de traballo, presentacións de compañías e espazos de networking arredor da circulación nacional e internacional da danza contemporánea.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PLATÓNOV de Tieffe Teatro - Teatro Menotti Milano. Peter Stein. Foto: Manuela Giusto

Entre Hamlet e D. João, o Platónov de Peter Stein