in ,

Nace o festival Abanea para encher de danza os veráns de Gondomar e Allariz

Festival Abanea danza
Imaxe: Xoán Crespo

A asociación IS·MO Cultura lanza Abanea, festival de danza e movemento que celebrará a súa primeira edición entre o 28 e o 31 de xullo en Gondomar e Allariz. Dez serán as compañías e formacións artísticas que participen neste encontro que divide o seu cartel entre as dúas sedes. O municipio pontevedrés concentrará o groso da programación ao celebrar sete funcións durante catro días mentres que o concello ourensán pechará o programa o domingo 31 con dúas actuacións.

Conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que está a desenvolver a estratexia definida no Plan Integral para a Danza de Galicia, consensuado a través dun proceso de diálogo aberto, participativo e transparente no que estiveron as principais asociacións e entidades do sector para determinar as súas liñas de acción e os seus obxectivos.

Entre as distintas prioridades que recolle esta folla de ruta, destacan a descentralización do circuíto de exhibición de espectáculos de danza e a fomento da colaboración con entidades, colectivos e institucións de fóra de Galicia. Ambos os dous extremos cúmpreos Abanea, xa que este festival inclúe formacións artísticas procedentes de México, Madrid, Cataluña ou País Vasco e divide a súa programación en dúas localidades de provincias diferentes.

O equipo organizativo de Abanea, está representado por Marta Alonso Tejada, Manu Lago, Paula Quintas e Lilian Portela que adiantaron na presentación a liña de apoio que o certame lle brindará a unha compañía emerxente para acompañala durante dous anos no proceso de creación dun espectáculo. Nesta primeira edición, daráselle este soporte ao colectivo La Incendiaria.

Demente de Fran Sieira
DeMente de Fran Sieira. Imaxe: BeaBesada Estudios

 


Publicidade

Programación do Festival Abanea

Abanea arrincará o xoves 28 en Gondomar da man da compañía vasca Lasala, que ofrecerá a súa peza Alive, e da formación galega Fran Sieira Compañía de Danza, que actuará coa súa obra DeMente. As dúas actuacións desenvolveranse na praza da Paradela de Gondomar ás 21,00 h. A primeira xornada despedirase no parque Ponte de Rosas ás 23,00 h. coa proxección dunha escolma de videodanzas realizadas por profesionais de Galicia. Esta sesión, que se repetirá o domingo en Allariz, conta coa colaboración do programa Buzón de Baile de Radio 3.

Ao día seguinte, o venres 29, será a quenda da formación catalá Ángel Durán Performing Arts, que chegará ao mesmo espazo ás 21.00 h. con The beauty of it, e mais da compañía galega La Macana con Pink Unicorns, obra que reúne en escena ao redor da danza un pai e un fillo, Alexis Fernández e Paulo Fernández, para retratar a relación non sempre sinxela entre xeracións distintas.

Abanea despedirase de Gondomar o sábado 30 recibindo ás 21,00 h. os colectivos La Galga e Eyas Dance Project, ambos os dous procedentes de Madrid, que traen respectivamente as pezas Ludo e Júpiter+Jaguar. O punto e final na praza da Paradela porao Marta Alonso Tejada con Dancin’Queen, espectáculo que conclúe cunha sesión de DJ Afro Brix.

O domingo 31 de xullo rematará a primeira edición do festival ideado por IS·MO Cultura cos dous espectáculos que se poderán ver na Praza do Matadoiro a partir das 21,00 h. O primeiro será Xenérica, do Colectivo Glovo, ao que lle seguirá H.A.R.L.E.M, produción mexicana de Carla Segovia e Guillermo Aguilar que conta coa colaboración de SóLODOS e A Casa Vella. Precisamente, neste espazo situado no lugar de Amiadoso presentará ás 17,00 h. o colectivo La Incendiaria con Mashup, o seu proxecto en proceso de creación.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Hamlet 6 Teatro La Plaza.1 |

Hamlet ǀ 38ª MIT Ribadavia

Relato para un incendio por aAntena

aAntena estrea ‘Relato para un incendio’ de Ernesto Is na MIT de Ribadavia