O número 99 da erregueté conta coa subvención para edicións do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra do ano 2020.
Contidos do número 99 da erregueté |Revista Galega de Teatro:
TEMAS
Baixo o epígrafe ‘O patrimonio das artes escénicas’ achéganse cinco artigos dedicado á situación da conservación do patrimonio das artes escénicas en Galicia.
Fran Peleteiro introdúcenos con “A conservación do patrimonio das artes escénicas galegas. Algúns apuntamentos” na Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña. Precisamente, a directora do arquivo, a profesora Laura Tato, entrevista á que fora directora do Centro de Documentación das Artes Escénicas e Musicais de Galicia, Mar Nogueira. Baixo o título“Arquivo, memoria e patrimonio: Rede Nasa e Matarile Web”, Gena Baamonde asina dúas entrevistas a Baltasar Patiño de Matarile Teatro e a Xesús Ron de Chévere. Por último, Antón Lamapereira, responsable do Fondo Teatral María Casares e primeiro director da erregueté, presenta o artigo “25 anos do Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Pública de Cangas”.
ACTUALIDADE AISGE
Liborio Barrera entrevista a Mercedes Castro, Premio AISGE á Mellor Interpretación Feminina no Festival Ibérico de Cine de Badajoz polo seu traballo na curtametraxe Tres veces.
RUXERRUXE
Inclúe o artigo de opinión de Esther Carrodeguas titulado Voar.
PROSCENIO
Coa intención de documentar un momento tan incerto para as artes escénicas como o da crise da COVID-19, a sección Proscenio dedica un espazo especial á situación do sector durante a pandemia e, tamén, ás medidas reclamadas polas principais asociacións profesionais galegas como son Escena Galega, con entrevistas ao seu xerente Diego V. Meizoso e ao seu presidente Juan Rodríguez, realizadas por Roberto Pascual e Manuel Xestoso; así como á AAAG, de cuxa entrevista ao seu presidente Xabier Deive, ocúpase Manuel Xestoso. Acompaña a estas entrevistas un artigo do subdirector da erregueté, titulado “Decepción do sector das artes escénicas ante o Plan de Reactivación da Xunta”.
ENTREVISTAS
Cómpre salientar os traballos que teñen como protagonistas as voces singulares de diferentes creadoras da escena contemporánea galega: a actriz Iria Pinheiro, Premio Maruxa Villanueva de Interpretación Teatral; María Torres e Gonçalo Guerreiro, compoñentes de Elefante Elegante; e Marta Pazos, recente Premio de Honra da MIT de Ribadavia. As entrevistas son obra da directora da erregueté Vanesa Sotelo e do subdirector Manuel Xestoso.
FESTIVAIS
Comprende cinco artigos, incluídas dúas entrevistas con Cristina Moreira, directora do festival Fóra do Mapa de Ferrol, asinado por Roi Vidal, e outra con Ricardo Simões, director artístico de Teatro do Noroeste/CDV de Viana do Castelo, asinada por Vanesa Sotelo e Manuel Xestoso. Completan esta sección a crónica do “XX Festival Mondial des Thèâtres de Marionnettes Charleville-Mézières” por Antón Lamapereira, a análise de Xoán Carlos Riobó do “Festival de fazedores das artes Albergaria-a-Velha”, e análise de Vanesa Sotelo do “XXX FIMP. O ollar da materia”.
ESCENA ABERTA
Conta coas colaboracións de Carlos Morán con “Terceiro Sector das artes escénicas. Definición e proposta de futuro”, Soledad Ríos Santomé con “Os señores do tempo. Tertulia de Zé Paredes na Lonxa Literaria de Moaña”, Pedro P. Riobó con “Festivas Transfronteirizos de Teatro Amador”, Pablo Iriarte con “Lohengrín Teatro: 30 anos e máis de 300 historias”, e Julio Fer con “Do visual e político en Fin de tempada, de Cinema Sticado”.
EN DANZA
Compoñen esta sección: “Entrevista ao Colectivo RPM” por Gena Baamonde, “Resilencias do sur. Sevilla baila” de Andrea Quintana, “Un home cansado que camiña” de Gullermo Weickert e “A rugosidade das formas” de Ana Abad de Larriva.
ESPECTÁCULOS
Achega dúas recensións críticas de Ana Abad: “A maxia do encontro” sobre Teatro Invisible de Matarile Teatro, e “Detrás da espera”, sobre Liberto de Marelas Teatro. Inclúe, tamén, “Finisterrae: O último ultramarinos” de Xoán Carlos Riobó sobre o espectáculo de Producións Teatrais Alakrán; unha aproximación ás claves da investigación conxunta de Janet Novás e Mercedes Peón en Mercedes mais eu, escrita por Afonso Becerra de Becerreá; “A dramaturxia da fariña” de Tito Asorey; e, por último, un artigo asinado por Xavier Castiñeira arredor das posibilidades do cinema ao vivo no espectáculo Despois das ondas, con dramaturxia de Ernesto Is, na que a compañía viguesa ButacaZero aborda a figura de María Casares.
LIBROS
Neste número aparecen dúas recensións: “As dramaturxias visuais”, de Roberto Pascual, analiza El actor en el espacio de José Luis Raymond; e “O que queda da peseta”, de Roi Vidal, que centra a súa atención no libro de Comba Campoi García Sen medo ao demo.
FICHEIRO
Este apartado recolle as incorporacións ao Fondo Teatral María Casares, así como diferentes informacións chegadas á revista.
TEXTOS
Desde 2019, cada número inclúe dous títulos que pasan a formar parte da colección de dramaturxia contemporánea galega da erregueté |Revista Galega de Teatro, unha das máis destacadas do país. Precisamente coa intención de conservar na memoria o feito escénico, a publicación é nesta ocasión a de dous textos de dous espectáculos xa retirados da escena. Trátanse de Tráfico, do dramaturgo compostelán Carlos Santiago; e Resaca, o texto escrito en colaboración por Tito Asorey e Ana Carreira para IlMaquinario Teatro.
O número 99 da erregueté |Revista Galega de Teatro está á venda na Librería Abrente de Bueu (Rúa de Montero Ríos 167) ou a través da súa páxina web.