in , ,

O outono carballés énchese de teatro co inicio do FIOT

Technocracia de Funboa Escénica
'Technocracia', Funboa Escénica. Foto: Manu Lago

A trixésima edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo decorrerá entre o 24 de setembro e o 29 de outubro na vila coruñesa. 39 espectáculos, 11 estreas absolutas e 3 estreas en Galicia configuran a súa variada programación. Os bonos do Programa de Sala do FIOT30 poderán adquirirse en Ataquilla.com a partir do martes 28 de setembro ás 10.00 h. 

Este venres 24 de setembro comeza a 30ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT). A súa proposta máis atrevida e retranqueira, a Rúa dos Contos, dará a saída a máis dun mes de celebración escénica na vila coruñesa. Contos, monólogos, música, humor e troula tomarán as rúas de Carballo na primeira fin de semana da man de Alba Grande, Caxoto, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, O’Leo Arremecaghoná, The Tetas Van, Brais das Hortas e Izquierdo Sisters. A Rúa dos Contos, a programación estable de narración oral do FIOT desde hai máis de dúas décadas, é, segundo a organización do festival, “un ciclo pioneiro en Galicia que mantén desde entón, como un dos seus obxectivos, a recuperación e difusión da tradición oral, tan propia do país e por iso a proposta céntrase, desde hai anos, na programación de espectáculos galegos de pequeno formato”.

Ademais da apertura con humor e retranca, o FIOT celebrará unha gran festa na que convidará ao baile. O sábado 25 o mercado municipal acollerá a primeira función do XI Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) cunha proposta que conta nas súas claves con música electrónica, voz, luz e corpos en movemento. Technocracia, de Funboa Escénica, rescata a esencia das festas techno ou raves para desenvolver unha experiencia afectiva e sensorial como acto de insistencia e resistencia en comunidade. A peza, na que o público é parte fundamental da experiencia, aborda a festa como lugar de comuñón, como mecanismo de reprogramación mental, de ruptura co cotián ou de hedonismo físico e emocional.

Publicidade

Polo FIOT pasarán, ao longo do vindeiro mes, compañías galegas coma Contraproducións, Voadora ou Berrobambán, e estatais coma Manolo Alcántara, Yllana, La Gata Japonesa ou a Compañía Nacional de Teatro Clásico. Circo, danza, monólogos, microteatro, contacontos, teatro e performance, ademais de numerosas actividades paralelas, configuran a programación desta trixésima edición do festival carballés no que a actriz Casilda Alfaro será recoñecida co Premio Xograresa de Outono 2021.

Programa FIOT30

[3d-flip-book id="23157" ][/3d-flip-book]

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Tres Tristes

‘Tres Tristes 2.0’, de Kirenia Danza, estréase na Coruña

O Museo como performance

O museo como performance