Balance parcial do ano 20
| Afonso Becerra de Becerreá |
| Fotografía: Vigocultura |
Acábase 2020, un ano do que parece que todas as persoas abominamos. A pandemia do 2020 fendeu a axenda teatral, adiando estreas e outros eventos relacionados coas artes escénicas, o I Congreso Internacional de Teatro Galego (outubro), os XXIV Premios María Casares (novembro), o IV Congreso Estatal de Circo de CircoRed (novembro), celebrado por primeira vez fóra de Madrid, etc.
Acábase un ano no que o Día das Letras Galegas se lle dedicou a Ricardo Carvalho Calero, un pioneiro en moitos ámbitos estratéxicos para a cultura galega, sobre todo no que atinxe á lingua, pero tamén como dramaturgo e persoa comprometida coa necesidade dun teatro galego.
Asistimos ao nacemento de novas compañías e colectivos teatrais como Olivas Negras de Vigo e, como sinalei, unha manchea de pezas novas estreadas en 2020, en danza contemporánea, en teatro e en circo, o cal dá conta dun pulo creativo tan vizoso como vizosa é a nosa terra e o noso mar.
Despois do confinamento e a “desescalada”, que lle permitiu á natureza saír do outono cara á primavera sen tanta presión humana como de costume, chegamos ao verán con timidez e coraxe. Con aforos reducidos, desde entón, e con escrupulosas medidas de seguridade sanitaria, foron Cangas do Morrazo e a Asociación Cultural Xiria, dos primeiros en dar o paso en xullo, botando adiante a XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCF), cando aínda había moitas dúbidas respecto ás posibilidades de xuntar persoas para a cerimonia comunitaria que presupoñen as artes escénicas. Alí, entre outras delicias, estrouse PYKA de Cinema Sticado, unha das propostas máis fermosas da temporada, que casa as artes do cinema e do teatro a través da artesanía e do xogo.
Nesas mesmas datas, nacía en Compostela un dos festivais máis refrescantes e arriscados dos últimos tempos: USCénica, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela. Na pequena SalaRoberto Vidal Bolaño, na terraza do Auditorio da Universidade e no Salón Teatro, puideron verse propostas de teatralidades posdramáticas, desas que moitas programadoras/es pensan que “o seu público” non vai entender porque non se cinguen ás convencións máis tradicionais e porque non teñen unha historia ou argumento como coartada para a acción. Alí descubrín o traballo delicado e de alta calidade de Helena Salgueiro, con Ferro, Federici, un poema en movemento.
Logo veu, na última semana de xullo, a XXXVI Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT Ribadavia), tamén marcada polo signo da pandemia, sobre todo no que atinxe á programación de espectáculos de fóra. As direccións artísticas dos festivais de estío, en xeral, apostaron por reforzar o seu apoio ás producións autóctonas. Na MIT Ribadavia flipei coa versión de rúa de Pink Unicorns da compañía de danza contemporánea La Macana, na que o salto xeracional, entre un pai e un fillo bailaríns, se traduce nunha coreografía tan lúdica como desafiante respecto a moitas cousas, entre elas as relacións paterno filiais.
En agosto tampouco faltou á súa cita a XLII Mostra de Teatro Galego de Cariño (A Coruña). Do 27 ao 30 dese mes, entre Ourense e Allariz, en espazos exteriores, celebrouse o X Festival Corpo (a) Terra que organiza a compañía de danza contemporánea Traspediante, onde, por primeira vez, puidemos ver unha coreografía bailada por robots voadores, deseñada por Begoña Cuquejo. Este foi, que eu saiba, o primeiro festival de artes escénicas de Galiza (especializado en danza e artes do movemento) retransmitido en directo por internet.
Á semana seguinte, do 3 ao 5 de setembro, tiña lugar a quinta edición do herDanza en Compostela, no Parque de Bonaval e no Centro Galego de Arte Contemporánea. Alí vin, por primeira vez, a Mikel Arístegui co seu Ouveo existencial e desenfadado ou o coidado formalismo, inzado de xeometrías e tenruras de Lara Munín e Raquel Romeo, da Cía. Mai, con Dous nunha. Alí tamén presentou o seu solo O príncipe do vinteún o coreógrafo e bailarín Xián Martínez.
Tamén na primeira semana de setembro chegou á súa 21 edición o Festival Internacional de Títeres de Redondela (Pontevedra), con control de aforo incluso para os espectáculos de rúa, como aconteceu en todos os eventos públicos deste 2020. No mesmo mes, botouse en falta a produción propia dalgunha ópera na inauguración da temporada lírica da Coruña, a cargo de Amigos da Ópera da Coruña, unha das asociacións máis antigas e respectadas neste ámbito, fundada en 1952.
Do 23 ao 26 de setembro, despedíndose do verán, chegamos á 31 edición do Festival de Teatro Galego Celso Parada do Carballiño (Ourense) (FETEGA) que, pouco a pouco, parece que se vai abrindo a propostas posdramáticas e máis heterodoxas, como foi a estrea de A que non podes dicir cocacola? (II) de AveLina Pérez, unha das novidades máis perturbadoras deste ano. E, por atrever, até se atreveron a darme a min un Premio de Honra, que leva o nome dunha pioneira do teatro galego, Dorotea Bárcena. Que Talía volo pague!
O festival de outono de Galiza vén sendo o FIOT de Carballo, entre o 9 e o 18 de outubro, organizado pola Asociación Telón e Aparte e o Concello, que este ano, na súa 29 edición, se titulou “FIOT en pausa”. Ademais de espectáculos galegos e do resto do Estado, houbo unha aposta por novos formatos como o FIOT Fónico, que utilizou as tecnoloxías dixitais na mediación dunha experiencia de carácter teatral e poético, ou no cuarto certame para artistas e compañías emerxentes “Micro-Escenas Metro Cadrado”.
Do 23 ao 27 de outubro, Sarabela Teatro tivo que facer encaixe de bolillos para conseguir sacar adiante o XII Festival Internacional de Teatro de Ourense, o FITO, despois de que o Concello desa cidade lle retirara o seu apoio económico de maneira totalmente ilexítima e irracional, o mesmo que aconteceu este mesmo ano co festival Corpo (a) Terra.
Se a cultura é un servizo público, dentro do cal as artes escénicas son unha das súas manifestacións máis senlleiras, delicadas, vulnerables e actuais, en Galiza as administracións públicas non acaban de ter á súa fronte gobernantes que demostren estar á altura do lexítimo e do xusto. Por suposto, hai excepcións, pero a verdade é que o panorama non acaba de demostrar que teñamos persoas cultas nos postos de goberno das diferentes administracións. O Concello de Ourense, neste 2020, foi un dos exemplos máis patéticos a este respecto.
A finais de outubro e principios de novembro, Lugo acolleu o festival Cartografía en Movemento, que a Asociación 3monos leva organizando desde o 2012. Un evento relacionado coas artes do movemento. O desafío que se marcan é non danzar no espazo senón danzar o espazo.
Seguindo o fío cronolóxico, a finais de novembro asistimos ao III Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), dentro do marco da V Xornada da Sección de Literatura Dramática, este ano cunha especial atención ao tema das artes escénicas nun contexto de crise e pandemia. O festival de pezas en proceso foi retransmitido por internet, desde a canle de Youtube da AELG e aínda se poden ver alí as gravacións.
Tamén se retransmitiu, a través da súa páxina de Facebook, o Festival Internacional e Certame de Creación SóLODOS en Danza de Ourense, que organiza a compañía homónima, formada por Maruxa Salas e Erick Jiménez, do 3 ao 5 de decembro.
E remata o ano con varios festivais en decembro, o Titiriberia en Rianxo (A Coruña), a MOTI Mostra de Teatro Infantil de Ourense, que organiza a dinamizadora Cía. Sarabela Teatro e o VI Festival Pequeártiko da Sala Ártika de Vigo.
En Vigo, ademais da ecléctica programación da Sala Ártika en Beiramar, este ano o Teatro Ensalle, malia a redución dun aforo xa, de por si, pequeno, mantivo o seu compromiso cunha liña de programación alternativa vinculada á danza e ás artes do movemento. Ensalle sostivo residencias artísticas, preestreas e estreas dalgunhas das propostas de pequeno formato máis renovadoras e sorprendentes das artes escénicas galegas, como foron O que segue da Cía. Funboa Escénica, Pentecostés da Cía. Pálido Domingo, A que non podes dicir cocacola? (II) de AveLina Pérez ou a reactivación d’O Alemán e a mostra do proceso d’O deus do pop, ambos de Diego Anido. Chegou tamén á 16 edición do Festival Isto Ferve e á 15 edición do seu festival de danza Catropezas.
En 2020 pechou a Sala Ingrávida do Porriño, un espazo que foi moi importante para os colectivos emerxentes e para experiencias de teatro liminar.
Houbo teatros públicos municipais que deron o Do de peito ao non cancelar ningunha función e reprogramalas no segundo semestre, sen que iso supuxese unha substitución que minguase o número de espectáculos anuais, aínda que houbese que concentralos na última parte do ano, tal foi o caso do programa de Vigocultura xestionado por Marta Núñez Aboi.
2020 é o ano do centenario do Salón Teatro de Compostela, efeméride para a cal o Centro Dramático Galego (CDG) deseñou unha programación especial. Desde a súa dirección, Fran Núñez, tamén puxo en marcha, por primeira vez na historia do teatro público, un programa de coproducións cos espazos teatrais do país. Velaí o proxecto docu-escénico Outras miradas con Ensalle ou Cambio de foco con Ártika. Ademais, o CDG anunciou tres producións propias para o 2021 que xa están en marcha, algo que non se daba desde había moitos anos, habituados a unha ou, como moito, dúas producións anuais. Por outra banda, por primeira vez, imos asistir a unha produción do CDG dirixida por unha tríade de coreógrafas e bailarinas: Diego e Fran Martínez Buceta e Belén Bouzas de Pálido Domingo. Do mesmo xeito, as outras dúas producións tamén van supor nomes novos á fronte da dirección escénica e da dramaturxia no CDG, como son o dúo formado por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre de Ibuprofeno Teatro, e a dupla Noemi Rodríguez e Andrea Jiménez de Teatro en Vilo.
Le a segunda parte.